lunes, 2 de febrero de 2015

Xuntanza coa AV de Pelamios As Brañas de Andrés



REPRESENTANTES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNENSE COA A.V. AS BRAÑAS DE ANDRÉS PARA ATENDER ÁS DEMANDAS VECIÑAIS DE MELLORA DO BARRIO

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA A INCOMPETENCIA DUN CONCELLO SOMETIDO AOS INTERESES ELECTORALISTAS DO SEU ALCALDE

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AV As Brañas de Andrés proseguindo cos encontros co tecido asociativo e veciñal da cidade para coñecer de primeira man as necesidades dos barrios e parroquias do municipio ao mesmo tempo que facelo partícipe do proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015.

Unha vez máis queda claro que os intereses electoralistas de Agustín Hernández, alcalde dedocrático de Compostela, están privando aos barrios tradicionais de Compostela dos elementos necesarios para a cohesión social e territorial. A veciñanza experimenta que non recibe o mesmo trato ca outras zonas da cidade, consideradas prioritarias para un equipo de goberno preocupado, unicamente, pola cita electoral de maio de 2015.

O desleixo queda demostrado pola existencia de eivas no barrio que, como manifestou a Xunta Directiva, están aí desde hai anos: problemas co estado das arquetas e o cheiro que se desprende delas; beirarrúas que non están adaptadas para persoas con diversidade funcional ou con problemas de mobilidade; iluminación defectuosa en varios tramos do barrio (rúa Castiñeiros, praciña da Costa da Fonte, Carvalho Calero); carencia de suxeición para contedores; deficiencias en mantemento de camiños e vías (no camiño que transcorre detrás da capela da Virxe da Fonte, por exemplo, ou o firme da rúa dos Castiñeiros); serias eivas en canto á calidade dos espazos públicos para o seu goce, como son os parques infantís, mal acondicionados ou a demanda da asociación de que se instale un parque saudable para persoas maiores no parque da Finca de Vista Alegre; e outras circunstancias que poñen de relevo a mala planificación e xestión dun Concello que estivo secuestrado pola corrupción.

Os veciños e veciñas queren interlocución con Concello e poder participar nas decisións que afectan ao barrio, tal como aconteceu coa supresión en Vista Alegre do horario de tarde para carga e descarga que se fixo sen informar e provocando malestar nos comerciantes. Unha decisión coa que non están conformes e solicitan a súa reposición.

A Xunta Directiva reclama, igualmente, que se atendan as súas demandas no tocante ao mantemento do Centro Sociocultural en canto a portas, sustentabilidade enerxética, xa que as portas existentes non garanten nin a seguridade nin o mantemento térmico e instalación dunha tea asfáltica na arqueta para impermeabilizala, para que non entre a auga no local debido á canle de baixada da auga na parte da horta.

Insistimos, a diagnose do traballo que realiza Esquerda Unida é clara: o Alcalde só se preocupa de extraer a máxima rendibilidade electoralista....co diñeiro de todos os veciñas e todas as veciñas de Compostela.

No hay comentarios: