martes, 20 de enero de 2015

Xuntanza coa AVV do Castiñeiriño



REPRESENTANTES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNENSE COA A.VV. O CASTIÑEIRO DO CASTIÑEIRIÑO PARA A ELABORACIÓN COLECTIVA DO PROGRAMA ELECTORAL DAS MUNICIPAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA REITERA A NECESIDADE, MEDIANTE A DEMOCRACIA PARTICIPATIVA, DE QUE AS VECIÑAS E VECIÑOS POIDAN COLABORAR PARA SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DA SÚA RÚA, DO SEU BARRIO, DA CIDADE

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AVV do Castiñeiriño, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .

Unha vez máis comprobamos que o goberno local do PP, do dedocrático alcalde Agustín Hernández, non escoita as veciñas e veciños, non fai partícipe ao barrio na toma de decisións. Desde que chegou ao goberno local, o Alcalde adoptou unha actitude de desleixo para cos barrios e parroquias tradicionais da cidade.

As veciñas e veciños deben ser partícipes do día a día da cidade, na toma das decisións que máis lle afectan no día a día. E, tal como acontecía coa AV Escultor Francisco Asorei, a AV do Castiñeiriño amosou a súa preocupación pola actual política dun Alcalde decidido a levantar toda a cidade e sitiala de obras, con tal de vencer a memoria da veciñanza sobre os 3 primeiros anos de corrupción e parálise. Mais a veciñanza non é tan desmemoriada como quere o Alcalde, e o DOG e co BOE non poden silenciar tantos anos de deriva e naufraxio da democracia.

Trala conversa mantida coa AV do Castiñeiriño quedou demostrada a falta de planificación que este barrio sufre. É evidente que co crecemento urbanístico do barrio, e a desastrosa política de vivenda do Concello, a poboación ía medrar moito. Entón, como é posible que en poucos anos o novo colexio Ramón Cabanillas xa non poda acoller toda a demanda de novo alumnado? Ou que as súas aulas xa estean saturadas?

A AV denuncia que o Castiñeiriño padece falta de espazos públicos apropiados. Espazos que deben acompañar calquera proxecto de nova urbanización e que debera ser unha prioridade, xa que neses espazos públicos é onde veciñas e veciños poden disfrutar do seu lecer, organizar actividades que garanten a cohesión social do barrio. Só a teima por aproveitar calquera espazo para especular co solo explica que espazos infantís sexan, como definen os membros da directiva veciñal, especies de “corralitos” e que non serven para satisfacer as necesidades de veciños e veciñas.

Entende Esquerda Unida que é urxente dotar ao barrio da escola infantil que require para dar resposta ás necesidades das familias. Non vaia a ser que os intereses electoralistas sexan os que xoguen coa construción desta infraestrutura social tan necesaria.

Tamén reclamamos que todos aqueles proxectos urbanísticos no barrio, que neste momento están parados, non supoñan ningún perigo para as veciñas e veciños, polo que esiximos a súa correcta limpeza e mantemento e as necesarias condicións de seguridade para evitar accidentes. Neste sentido, agardamos que se cumpra a promesa de derrubo, xa aprobado, das edificacións que supoñen un perigo constante para as persoas que transitan pola rúa

Por últimos manifestamos a nosa preocupación polas deficiencias no transporte público que nos foron comentadas. Os horarios e frecuencias dos autobuses teñen que estar supeditados a cubrir as necesidades de veciños e veciñas para que non se vexan na obriga de usar o vehículo privado. E denunciamos o incumprimento da lei de accesibilidade universal: non podemos aceptar que no século XXI, e nunha sociedade democrática avanzada, o transporte público represente un atranco para as persoas con diversidade funcional ou problemas de mobilidade.

No hay comentarios: