martes, 27 de enero de 2015

Xuntanza coa AV Pontepedriña



ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COA A.V. PONTEPEDRIÑA PARA A ELABORACIÓN COLECTIVA DO PROGRAMA POLÍTICO DAS MUNICIPAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDERÁ UNHA MELLOR PLANIFICACIÓN DOS USOS DOS ESPAZOS PÚBLICOS E UNHA POLÍTICA  DE CALIDADE DA MOBILIDADE E DA ACCESIBILIDADE DO BARRIO.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xabier Ron e Vicente Vázquez, mantiveron un encontro coa AV Pontepedriña, dentro do programa de visitas ao tecido asociativo da cidade para coñecer de primeira man as necesidades do barrio e facelo partícipe no proceso de elaboración colectiva do programa das municipais de maio do 2015 .

Son numerosas as eivas do barrio que seguen manifestándose ano tras anos, debido a un concello ineficaz, distanciado dos barrios tradicionais. O Concello semella ollar os resultados das pasadas eleccións municipais á hora de facer política municipal. Os veciños e veciñas do barrio non merecen esta actitude electoralista.

Beirarrúas non axeitadas, non accesibles, que dificultan o transito de persoas maiores ou con problemas de mobilidade; problemas de mobilidade e accesibilidade que se repiten en rúas pechadas, con promesas de accesos peonís a través da estación de tren que nunca se levan a cabo; idéntica mala conectividade coas Brañas do Sar, unha fallida ruta de sendeirismo; alumeado público deficiente en varios puntos do barrio; limpeza das beirarrúas igualmente inaxeitada e deficitaria; problemas de seguridade viaria en Clara Campoamor, Amor Ruibal e Camilo Otero; actuar na rúa Xoan Nogueira conforme aos resultados do referendo veciñal que tivo lugar hai máis de un ano; mala xestión do espazo coñecido como a Lagoa; escombreiras improvisadas como na rúa Boqueixón; problemas de contaminación do rio Sar por unha mala praxe depurativa; situacións de feísmo e de seguridade coas casas abandonadas presentes no barrio.

Dentro deste mar de eivas, os membros da asociación veciñal reclaman de forma inmediata unha mellor planificación para unha correcta optimización dos usos dos diferentes espazos públicos do barrio. Non é preciso indicar que os espazos públicos son vitais para promover a vida colectiva nos barrios e favorecer a cohesión social.

O diálogo e a participación dos veciños e veciñas son esenciais para desenvolver unha correcta política e sermos merecentes dunha democracia de calidade. Ninguén mellor que as persoas que utilizan o CSC de Pontepedriña para coñecer as actuacións que deben darse nos diferentes espazos públicos do barrio. Sen pretender recoller toda a casuística, o Concello debera atender as demandas de veciños e veciñas no tocante ás actuacións a realizar para que o CSC poda  responder a unha instalación de uso público e social do século XXI. Do mesmo xeito, é necesario que se acondicione de forma debida o parque infantil, e cun horario que dea resposta ás necesidades de veciñas e veciños.

No hay comentarios: