miércoles, 7 de enero de 2015

Moción contra o TTIP



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela únese á denuncia de que a Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EUA) están a negociar, de costas á cidadanía e aos seus representantes políticos (parlamentos nacionais e europeo), un amplo acordo de liberalización de comercio e investimentos, que representa un serio perigo para a democracia e a debida protección dos dereitos laborais, ambientais e de saúde, antepoñendo o interese comercial dos investidores e empresas transnacionais (ETN) ao interese xeral.

O TTIP, ao perseguir a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás ETN, así como ás compras e licitacións de bens e servizos das Administracións Públicas, pon en perigo todos os servizos públicos e as compras públicas, en todos os niveis de poder, e compromete a habilidade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades locais e promover a industria, emprego e iniciativas locais.

Deste modo, as leis do comercio priman sobre calquera outra consideración social, e ignoran calquera lexislación continental, estatal, autonómica ou local. As comunidades locais encóntranse elas mesmas dominadas por axustes estruturais restritivos debidos aos acordos e as políticas de libre comercio e de protección do investidor. Esta lóxica desmantela os servizos públicos e suprime a liberdade dos poderes locais para subministrar os servizos públicos e satisfacer as necesidades sociais das súas poboacións, atendendo a políticas e plans de desenvolvemento industrial e de fomento da industria e emprego locais.

As Administracións Locais, ao estar preto das necesidades dos seus pobos, teñen o deber de inxerencia respecto ao que trama o TTIP, e un deber de resposta, se non queren verse acusadas de non axudar á poboación e ao planeta en perigo. Deben ser as canles axeitadas para promover os servizos públicos e a industria e emprego locais. Están obrigadas a resolver os retos sociais, económicos e ambientais e, conseguintemente, a defender a universalidade dos servizos públicos e a protección da cidadanía.

As entidades locais desexan ampliar o debate público e democrático sobre o que está verdadeiramente en xogo tras este acordo e a sorte que correrán os servizos e compras públicos:

          O comercio e o investimento soamente poden conducir a intercambios económica e socialmente beneficiosos se respecta as necesidades humanas en todo lugar, e non se basea unicamente no beneficio dos especuladores financeiros e das empresas multinacionais.

          A eliminación programada e progresiva dos servizos públicos é ao mesmo tempo a eliminación programada e progresiva da solidariedade e a democracia.

          A apertura máxima dos servizos e as compras públicas á competencia produce efectos contraproducentes en canto á súa accesibilidade, a súa calidade e o seu custo.

          Os dereitos sociais son dereitos inalienables, polo que non poden depender exclusivamente da lóxica do mercado.

          Só a existencia diversificada de servizos públicos socialmente útiles, permite asegurar unha calidade de vida digna para todos e en todas as partes, en estreito nexo co exercicio real da democracia.

          O control público debe preservarse para garantir o acceso aos bens comúns e á creación de novos servizos públicos, así como para favorecer a industria e emprego locais.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Declarar a Santiago de Compostela como Concello insubmiso e oposto ao TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e redistribución social

Segundo. Solicitar do Ministerio de Administracións Públicas o seu apoio a todas as iniciativas dirixidas a manter o carácter público dos chamados servizos socialmente útiles

Terceiro. Solicitar do Ministerio de Economía a suspensión das negociacións do TTIP.

No hay comentarios: