viernes, 23 de enero de 2015

Iniciativas Urbana Norte e igrexa da Pastoriza



ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REXISTRA, A TRAVÉS DE AGE, DÚAS INICIATIVAS NO PARLAMENTO DE GALICIA INTERESÁNDOSE POLOS INVESTIMENTOS A CARGO DO PROXECTO “SANTIAGO NORTE”, DENTRO DO PROGRAMA INICIATIVA URBANA, FINANCIADO CON FONDOS EUROPEOS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA AGARDARÁ Á DEFENSA DAS INICIATIVAS PARA RECLAMAR QUE SE REALICEN AS OBRAS PROMETIDAS NO BARRIO DA ALMÁCIGA E BASQUIÑOS

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, trala xuntanza mantida coa AV Francisco Asorey da Almáciga, rexistrou no Parlamento de Galicia, a través de AGE, dúas iniciativas interesándose polos investimentos a cargo do Proxecto “Santiago Norte”, incorporado no Programa Iniciativa Urbana.

Atendendo precisamente a unha demanda de membros da Xunta Directiva da Asociación Veciñal, AGE presenta unha Proposición Non de Lei para coñecer de forma expresa o detalle dos procedementos de auditoría externa previstos nos mecanismos de xestión e control das obras previstos na Memoria do Proxecto “Santiago Norte, e a elaboración dunha memoria exahustiva dos investimentos que se realizaron no barrio da Almáciga, sinalando especialmente o seu  estado de execución, o seu mantemento e o custo real dos investimentos.

Non pode ser que un Proxecto que nacera para loitar contra a “carencia e baixa calidade da urbanización” dos barrios afectados, contribúa, precisamente, a manter ditos parámetros de carencia e baixa calidade. Desinformación, obras mal planificadas e mal xestionadas, sen participación real da veciñanza, o estado actual das obras 6 anos despois da posta en marcha do Proxecto, é o dunha promesa incumprida: son moitos os proxectos comprometidos que ou non se fixeron ou ben están incompletos ou mostran deficiencias. Por exemplo, o parque da Almáciga ofrece un aspecto lamentable e os accesos ofrecen unha elevada perigosidade para as persoas usuarias, incluso hai zonas sen iluminación. Tamén o edificio da Casa depósito considerado ben de interese patrimonial, non é a casa-museo que se cita na Memoria do Proxecto, ou  non se construíu o Centro Cívico Integrado. E poderíamos seguir.

Por estas cuestións esiximos desde EU Compostela, uníndonos ás demandas veciñais, sabermos de forma clara onde foi o diñeiro público comprometido nas obras do Proxecto “Santiago Norte” destinadas a resolver as “carencias e baixa calidade da urbanización” dos barrios da Almáciga e Basquiños.

Dentro das preocupacións de EU Compostela está tamén a defensa e preservación do noso patrimonio histórico e cultural. Un aspecto que o propio Proxecto “Santiago Norte” considera un eixo prioritario de acción. Pois ben, as obras realizadas na contorna da capela da Pastoriza, no barrio de Basquiños, demostran que dito eixo foi desatendido. De aí que AGE reclame unha resposta oral á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a destrución da vella escalinata de acceso á capela da Patoriza asi como sobre a vulneración do equilibrio arquitectónico e patrimonial das obras que se realizan na contorna coa fachada neoclásica.

No hay comentarios: