jueves, 15 de enero de 2015

Crítica á xestión do PP en Carreira do Conde



ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA, UNHA VEZ MÁIS, QUE A DEMOCRACIA PARTICIPATIVA TEN QUE SER UNHA REALIDADE PARA FACER PARTÍCIPE AS VECIÑAS E VECIÑOS DAS ACTUACIÓNS QUE ACOMETE O CONCELLO

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DENUNCIA A NEFASTA XESTIÓN DO PARTIDO POPULAR NAS OBRAS DE CARREIRA DO CONDE.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a incompetencia mostrada polo goberno local do Partido Popular nas obras de Carreira do Conde, demostra, unha vez máis, a execrable xestión do dedocrático alcalde Agustín Hernández, que tanto dano fai a Santiago.

En primeiro lugar, é inadmisible, como xa ten ocorrido en outros moitos barrios da cidade, a falta de información coa que actúa o PP nas medidas que toma. As veciñas e veciños teñen o dereito a que o Concello, como mínimo, avise en tempo e forma, por exemplo, das obras que se van acometer no seu barrio.

Por suposto, para Esquerda Unida é necesario ir moito máis aló, e facer real a Democracia Participativa, coa que conseguir, non so que a xente teña a información que demanda, se non que sexa partícipe das medidas que se acometan, colaborando activamente para achar as mellores solucións ante as eivas que poidan existir na súa rúa, no seu barrio, na cidade.

O único que fai o Partido Popular ao actuar unilateralmente e de costas a cidadanía, é crear malestar e non atallar as demandas das veciñas e veciños. Tralas denuncias recibidas, criticamos que non se fixera plan de mobilidade para o Ensanche antes de decidir peatonalizar Carreira do Conde. ¿Cómo e quen tomou esta decisión?¿Consultouse á veciñanza sobre posibles beneficios e prexuízos desta medida?

Por exemplo EU sempre defenderá o fomento do transporte público, para reducir o uso do vehículo privado, e polo tanto ser necesarias menos prazas de aparcamento. Sen embargo o PP nada propón para a mellora da mobilidade en Santiago, pero si que, por exemplo, coa obra en Carreira do Conde elimina decenas de prazas de aparcamento. Creando enfado en moitas persoas que se ven na obriga de usar vehículo privado para acudir ao seu posto de traballo, e que, polo que parece, o señor alcalde desexa que usen os caros aparcadoiro privados que existen cerca desta rúa.

Se a nefasta xestión desta obras xa é grave, o que é incrible é a falta de criterio do Partido Popular na toma de decisións. Por suposto nunca negaremos que sexa necesario facer obras de mellora na cidade pero hai que saber cales deben ser prioritarias e cales poden agardar. Neste momento consideramos que o gasto de 600.000 euros na Carreira do Conde, nesta obra sen consenso e mal planificada, non deben executarse. Tal e como comprobamos nas visitas a distintos barrios da cidade neste momento hai obras de mantemento de beirarrúas, parques, estradas e outras espazos públicos que por seguridade, non por estética, teñen que ser acometidas de inmediato.

Por último criticamos, nunha clara mostra da incompetencia de Agustín Hernández, que se orzamente a mesma cantidade para esta obra, como mínimo cuestionable e para nada urxente, que para a renda social para as persoas da cidade en risco de exclusión. É necesario que o Concello actúe de inmediato e acometa medidas que beneficien a maioría social, por exemplo, como recentemente pedimos, que se subvencione o pago do IBI as persoas en risco de exclusión social.

No hay comentarios: