martes, 30 de abril de 2013

Xuntanza co Sindicato Labrego Galego


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE AS REUNIÓNS CO TECIDO ASOCIATIVO DE SANTIAGO MANTENDO UNHA XUNTANZA CO SINDICATO LABREGO GALEGO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA COMPARTE AS RECLAMACIÓNS SINDICAIS CONTRA O PROXECTO MINEIRO QUE AFECTA Á COMARCA E A NECESIDADE DE MUDAR O ACTUAL SISTEMA DE PRODUCIÓN DISTRIBUCIÓN E VENTA DE ALIMENTOS.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Xenxo Redondo e Vicente Vázquez, proseguindo co programa de reunións co tecido asociativo da cidade mantiveron unha xuntanza co Sindicato Labrego Galego.

A primeira inquedanza compartida nesta xuntanza foi o proxecto mineiro da empresa Erimsa, dunhas 8.000 hectáreas que afecta a nosa comarca e a de Ordes, e que suporía, de levarse a cabo, unha actuación de forte impacto negativo sobre as explotacións agrogandeiras da bisbarra e sobre o río Tambre e os seus afluentes.

Unha vez máis hai que criticar a falta de información sobre o proxecto por parte das administracións públicas, unha nova mostra de falta de transparencia, esixindo dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela que o Concello faga público o antes posible o informe preceptivo de se avala ou non esta actuación mineira que ameaza a nosa comarca.

Outros asuntos tratados na xuntanza foron as actuacións que o Concello pode levar a cabo para apoiar a agroecoloxía de proximidade e a súa venta directa, fomentando e colaborando para encontrar espazos públicos para que esta actuación, como xa o é o Mercado entre lusco e fusco, se poida realizar en diferentes barrios da cidade.

Para corrixir a falta de apoio institucional por parte do Concello para incentivar a posta en marcha de novas explotacións agrogandeiras, sobre todo entre a xente moza, ou axudar ás xa existentes puxéronse enriba da mesa diferentes propostas.

O Consello Comarcal de EU coparte a reivindicación de que o Concello elabore un censo de leiras baleiras e sen uso que poida haber no rural compostelá, e incentive, por exemplo, con medidas fiscais a súa cesión a persoas dispostas a levar a cabo unha explotación agraria.

Outra cuestión que pode acometer o Concello e a de facilitar os trámites administrativos que, por exemplo, ata dificultan a instalación de invernadoiros.


Por último os representantes do sindicato manifestaron a súa preocupación, compartida polo Consello Comarcal, polas actuacións levadas a cabo na Praza de Abastos, que parecen máis proclives a buscar un uso turístico do lugar, que ao de manter a súa función de venta de alimentos de proximidade directamente do produtor, mantendo unha actitude discriminatoria no trato e sen contar coa opinión desas persoas, sobre todo mulleres, que os martes, xoves e sábado venden no exterior da praza os seus produtos cando podían estar perfectamente integradas nela nese local agora reservado para un restaurante

viernes, 26 de abril de 2013

Valoración Plenos abril



VALORACIÓN PLENOS EXTRAORDINARIO E ORDINARIO DO 25 DE ABRIL DE 2013.

Nesta ocasión respectáronse os dereitos legais do representante do Consello Comarcal de EU Compostela, Vicente Vázquez, e puido asistir aos Plenos celebrados para valorar o que alí se debata.

No tocante ao Pleno extraordinario para a aprobación inicial do presuposto do Concello, queremos manifestar, en primeiro lugar que consideramos lamentable o incumprimento dos propios prazos que se deu o PP para a súa presentación, unha mostra máis da nefasta xestión do equipo de goberno do señor Currás.

No tocante ao exposto neste Pleno extraordinario unha vez máis se acredita o nulo interese deste Concello, demostrado ao longo dos anos, para fomentar a participación cidadá, pois so os grupos representados no Concello tiveron opción a lelo, o resto da cidadanía temos que agardar ata agora para, tras arduas xestións, poder contar con el para valoralo e facer alegacións.

O Pleno ordinario comezou coa intervención do portavoz da plataforma de persoas estafadas con preferentes, cuestión que apoiamos radicalmente como necesaria participación da cidadanía na vida das distintas Administracións Públicas pero que ten que ir moito máis aló dunha mera intervención de cinco minutos sen debates.

Participación activa da cidadanía que evitaría que as persoas se vexan na obriga, para defender os seus dereitos, de facer actuacións que provocan a tensión das expulsións do salón de Plenos.

Sobre o acontecido no resto no Pleno destacamos a lamentable exposición da concelleira Amelia González sobre a aprobación do cadro de persoal do Concello, é inadmisible que un cargo público cargue contra os sindicatos, lexítimos representantes da clase traballadora, porque non se dobregaron as súas esixencias para chegar a un acordo, sobre todo cando o PP non fai máis que aumentar os cargos de confianza co custe para as arcas públicas que isto supón.

Outra cuestión tratada neste Pleno foi unha nova modificación orzamentaria que demostra a improvisación que acredita o PP en todas as súas actuacións dende que (des)goberna na cidade.

Un novo debate estéril, sobre todo entre o PSdeG e o PP que cada día demostran as súas carencias ideolóxicas e programáticas, foi o acontecido coa proposta do PSdeG sobre a elaboración dun plan de emprego xuvenil, que non foi aprobado polos votos en contra de o PP.

O Pleno rematou cun rogo do BNG sobre Daviña, e a presentación de mocións das que so se debateron as do BNG sobre nomear persoas non gratas aos deputados do PP que apoiaron a quita e outra sobre Vidal Bolaño.

Debate que so valeu para demostrar, sobre todo, a demagoxia dun Partido Popular ancorado no poder e que todo o considera un ataque, sen maior defensa que a táctica do ventilador e de falar da herdanza recibida.

Visibilidade lésbica



A ÁREA DE MULLERES E A ÁREA DE LIBERDADE DE EXPRESIÓN AFECTIVO-SEXUAL (ALEAS) DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA QUEREN NESTE 26 DE ABRIL, DÍA DA VISIBILIDADE LÉSBICA, DENUNCIAR A DISCRIMINACIÓN EN TODOS OS ASPECTOS A ESTE COLECTIVO

Dende Esquerda Unida reivindicamos, este 26 de Abril, día da Visibilidade Lésbica, a liberdade das mulleres, a defensa dos seus dereitos sexuais, e a máis que nunca necesaria loita contra o patriarcado e o heteropatriarcado fronte os continuos ataques contra as mulleres en xeral e o colectivo LGTBI en particular.

O día a día das mulleres lesbianas aínda é, se cabe, máis difícil que o da maioría das mulleres.   Vítimas dunha dobre discriminación: por ser mulleres e pola súa condición sexual que non entra dentro da heteronormatividade que rexe as institucións e a política.

A discriminación xa implícita nesta sociedade patriarcal sumada aos recortes e as reformas que aumentan a precariedade laboral, que inciden en especial nas mulleres, fai que esteamos a experimentar un “retorno ao armario”, unha ocultación do modo de vida das mulleres lesbianas por medo a sufrir represalias ou dificultar o seu acceso ao mundo laboral. 

As mulleres lesbianas teñen que soportar os ataques continuos dende as institucións presionadas pola xerarquía eclesiástica. A vulneración dos dereitos das mulleres e do colectivo de LGTBI está a ser o selo ideolóxico do Partido Popular. Por un lado, a modificación da Lei do Aborto que impón a maternidade ao mesmo tempo que o goberno suprime toda axuda dos servizos sociais, a lei de dependencia, e as prazas nas garderías. Polo outro, as mulleres lesbianas que si queren ser nais atópanse con trabas nos tratamentos de reprodución asistida e discriminacións nos rexistros do civil para rexistrar as súas crianzas a nome de dúas mulleres. Esquecéndose dende as institucións que o matrimonio ten sempre os mesmos dereitos, con independencia de que sexa homosexual ou heterosexual. Dende ALEAS Esquerda Unida Compostela e a Área de Mulleres reivindicamos, unha vez máis, a necesidade dun estado realmente laico libre de imposicións relixiosas. 
 
A visibilidade lésbica nas escolas e institutos é unha materia pendente e tabú. O acoso homofóbico ao colectivo LGTBI e a marxinación que padecen está á orde do día baixo o amparo do goberno que non fai nada para atallalo, ao contrario, demostra en moitos casos unha grave falta de sensibilidade. Baixo políticas ideolóxicas retrógradas, heteropatriarcais e eclesiásticas eliminase aínda máis a xa limitada visibilidade LGTBI, suprimindo, por exemplo, a materia “Educación para a cidadanía”.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual e a Área de Mulleres de EU Compostela defendemos que a condición sexual de cada persoa non é asunto nin do Estado, nin da Igrexa, nin de ninguén máis que a mesma persoa en cuestión. Felicitamos neste día a todas as mulleres que non esconden a súa orientación sexual, se non que a viven con orgullo e liberdade loitando pola normalización do colectivo LGTBI na sociedade.

Porque por máis que o intenten non poderán relegarnos de novo ao fogar, a boca pechada, controlando as nosas vidas ou os nosos corpos, nin evitar que sigamos loitando polas nosas causas.
A loita contra a LGTBIfobia e polos dereitos das mulleres é unha loita de todas e todos pola construción dunha sociedade diversa e igualitaria. .

Por último, queremos recordar que as Áreas de traballo de Esquerda Unida Compostela están abertas á participación cidadá e que se existen é para colaborar e servir á sociedade

jueves, 25 de abril de 2013

Xuntanza con Andaina



A ÁREA DE MULLERES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CON REPRESENTANTES DA ASOCIACIÓN FEMINISTA ANDAINA.

A ÁREA DE MULLERES DE EU COMPOSTELA ACORDA NECESARIO REALIZAR UNHA CAMPAÑA CONTRA A REFORMA DA LEI DO ABORTO.
  
As representantes da Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela, Marta Marroquín, Sara García, Paula López e María Rozas, mantiveron unha xuntanza coas representantes da Asociación Feminista Andaina.

O tema da conversa foi a preocupación, compartida por ambas partes, sobre a situación actual de crise que padecemos as mulleres: A feminización da pobreza na nosa comarca, os recortes na Lei de Dependencia, a elevadísima precariedade laboral nas mulleres, as menores taxas de actividade recoñecida, a situación da prostitución, o desmantelamento de todo recurso público en prol da igualdade, e a modificación regresiva da Lei do Aborto que quere levar a cabo o  goberno do PP.  As Mulleres de EU Compostela, como as representantes de Andaina, manifestamos o noso absoluto rexeitamento a esta modificación retrógrada, patriarcal e machista. 

Unha vez máis é necesario rebelármonos e defendérmonos contra este novo recorte dos nosos dereitos, autonomía e liberdade.  Quérennos converter en cidadás de segunda, carentes de dereitos e submisas á tutela do estado nas decisións sobre as nosas vidas, convertendo a maternidade nunha imposición, non nunha opción. 

Por todo isto dende a Área de Mulleres concordamos coas representantes de Andaina en apreciar a necesidade de unir empeños de forzas feministas para traballar durante os próximos meses nunha campaña en contra desta reforma da Lei do Aborto. 

Por outro lado, dende a Área expresamos o noso apoio e admiración ao labor feito por Andaina,  a través da Revista Feminista, que fai pouco celebrou o seu 30 aniversario, así como do MUFEST (Festival de Cine feito por Mulleres).  Falouse do interese de ambas partes en futuras colaboracións para establecer un espazo onde visualizar o cinema feito por mulleres e onde realizar debates feministas.

miércoles, 24 de abril de 2013

Pregunta retirada símbolos franquistas



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela demanda que  o Concello leve a cabo as medidas necesarias para a retirada de calquera símbolo franquista que aínda perdure na cidade.

O 17 de marzo de 2010 presentáramos unha moción para a retirada do escudo franquista que aínda hoxe se pode ver na facultade de Químicas, para fundamentar esta petición faciámonos eco de orde CUL/3190/2008 pola que se ditan instrucións para a retirada de símbolos franquistas nos bens da Administración Xeral do Estado e os seus organismo públicos dependentes.

Tamén expoñiamos a lei 56/2007, na que no seu artigo 15 establece que as Administracións Públicas, tomarán medidas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxecto ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da Represión da Ditadura.

A pesares desta moción, e unha rogativa á USC, tal é como dicíamos daquela, aínda temos que soportar de forma dorosa para as xentes realmente democrática o escudo franquista na fachada de Químicas.

Mais non só temos que padecer o ignominioso recordo da longa noite de pedra da ditadura fascista de Franco nesa facultade, según a información que nos consta ao Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela na fachada de Correos cara a Travesa de Fonseca existe un símbolo franquista simplemente tapado, denigrante para calquera persoa que defensa a memoria democrática do noso país, debe ser retirado.

Algo similar ocorre nas escaleiras de acceso á estación de tren pois, según a información da que dispoñemos, tamén se atopa un símbolo franquista oculto á cidadanía pero aínda hoxe presente cando tiña que haber sido retirado como os anteriormente citados

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza a seguinte pregunta para a súa resposta por escrito:

1.      Cando levará a cabo o Concello as medidas oportunas para retirar os símbolos franquistas existentes nos diferentes espazos e edificios públicos da nosa cidade?