jueves, 28 de febrero de 2013

de la Fuente, Noya e as facturas



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA LAMENTA A DECREPITUDE ÉTICA Á QUE ESTÁ A SOMETER O PP AO CONCELLO.

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA SOLICITA QUE O CONCELLEIRO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ ASUMA AS SÚAS RESPONSABILIDADES E INVESTIGUE AS ACTIVIDADES DE JUAN DE LA FUENTE.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reclama que o goberno local do Partido Popular cumpra co seu labor e investigue debidamente os diferentes procedementos administrativos levados a cabo polo concelleiro Juan De la Fuente

En primeiro lugar, consideramos inadmisibles e lamentables as verbas do concelleiro Francisco Noya, expoñendo que o que investigarán é a filtración, pero non a factura en sospeita porque a efectos económicos non ten relevancia.

Pode ser que para Feijoó o que acontece no Concello non sexa normal, o que é seguro é que para a maioría social da cidade a decadencia e o desprestixio ao que esta a levar o PP a Santiago é perxudicial ate para a mesma Democracia.

Por iso é incomprensible que o Partido Popular faga público o seu posicionamento, ante un novo caso de posible corrupción no seu partido e nas prácticas de goberno, a través do comunicado polo concelleiro Noya,  que argumenta que o que realmente pode preocupar á cidadanía, e polo que ten que recabar información, é a filtración a un medio de comunicación da factura.

En que mundo vive este concelleiro??!! Esiximos ao señor Noya que asuma as súas responsabilidades políticas inherentes ao seu cargo e que investigue os diferentes procedementos administrativos levados a cabo polo concelleiro Juan de La Fuente; en caso contrario, debería renunciar ao cargo e deixar de desprestixiar ao Concello de Santiago.

En segundo lugar, o concelleiro Juan de la Fuente está amosando unha actitude contraria ás normas éticas que conleva o seu cargo, tal como demostrou coa súa neglixente actuación –e posterior xustificación- na rúa Virxe Branca, que provocou que mesmo María Pardo tivera que desautorizalo. As mañas de Juan de la Fuente feitas públicas nestes días amosan que non merece tampouco ocupar un lugar nas ringleiras do equipo que debe gobernar o concello.e debera, tamén, renunciar ao seu cargo. Esiximos que dimita de forma inmediata.

Todo demostra que o equipo de goberno non é quen de levar as rendas da administración pública máis próxima dos veciños e veciñas compostelás. Todo isto acumúlase ao que levamos denunciando desde hai meses. Son múltiples os indicios de malas prácticas. Precisamos hixiene democrática. A cidadanía debe poder decidir.

miércoles, 27 de febrero de 2013

Desbaldimento cultural



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA O DESBALDIMENTO CULTURAL QUE O PP ESTÁ A PROVOCAR NA CIDADE.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDE UNHA CULTURA DE BASE ALONXADA DA SINRAZÓN DA CIDADE DA CULTURA.
  
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela sempre defendeu que o Concello debe acometer medidas que axuden a unha cultura de base activa, alonxada de enlousamentos innecesarios.

Por desgraza, ademais da presunta corrupción que atenaza ao Concello, o PP local está a destruír a cultura que debía fomentar, sendo unha das súas últimas aberracións a de “conseguir” a suspensión do festival AMAL.

Esta política destrutiva da cultura local, comezou xa con Conde Roa, que un dos seus primeiros “éxitos” como fugaz alcalde foi conseguir que a Sala Nasa pechara, provocando que, por exemplo, a Ultranoite, clara mostra de calidade da cultura galega, tivera que verse na obriga de emigrar ao Concello de Teo.

Mellor non recordar en demasía a Conde Roa e o que publicamente expuxo para censurar a actuación de Leo Bassi nun espazo público da cidade.

Mais non remata aquí a nefasta xestión cultural do Partido Popular pois, como parece habitual nos equipos de goberno desta cidade, a Sala Yago segue esquecida para a promoción de eventos culturais, esmorecendo día a día ante a impasible mirada dos gobernantes locais, máis dexesosos, parece, en agardar que a especulación urbanística faga uso dela antes de buscar o beneficio que a cultura supón á cidadanía.

E a todo isto, parece ser, que de momento temos que agradecer que as intencións mostradas de trasladar o museo Granell a CdC, quedaron aparcadas, mais nunca se sabe o que ante a ineptitude do equipo de goberno local do PP se pode agardar.

Por todo isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela demandamos que se abra un debate amplo co tecido cultural da cidade e galego, para acadar un plan de actuación que revitalice a cultura de base con propostas que a nosa cidade necesita.

Debate ao que EU se uniría coas propostas que levaba no seu programa electoral, tales como, entre outras, a creación de feiras de libros con periodicidade quincenal ou mensual, creación sala municipal de cine, creación da Universidade Popular, organización de roteiros culturais e outras moitas que se poderían seguir nomeando.

Deficiencias marquesiña na Avda. de Lugo



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA AS DEFICIENCIAS QUE MOSTRA A MARQUESIÑA DA AVDA. DE LUGO A CARÓN DA RESIDENCIA TENIENTE GENERAL BARROSO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU PIDE A ELABORACIÓN DUN ESTUDO SOBRE AS MARQUESIÑAS DA CIDADE PARA CORREXIR AS POSIBLES EIVAS QUE POIDAN TER.
 
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reitera que o Concello debe velar por satisfacer as demandas das persoas que utilizan o transporte público na cidade.

E máis que obvio que debido ao tempo de Santiago as marquesiñas cumpren unha función de protección, por exemplo da choiva, que os veciños e veciñas demandan á hora de esperar o autobús.

Mais dende o Consello Comarcal detectamos a errónea colocación da marquesiña que está situada na Avda. de Lugo, a carón da residencia de estudantes teniente general Barroso.

En primeiro lugar non consideramos correcta a súa colocación porque obriga a calquera persoa que desexe utilizala a ter que invadir obrigatoriamente o carril da estrada, por onde circulan os vehículos, co perigo que pode conlevar.

Sendo xa grave isto, resulta que calquera usuario con mobilidade reducida ten moi complicado, por non dicir case imposible en algúns casos, poder utilizar esta marquesiña pois se ve obrigado a baixar bordos elevados.

É obvio que o Concello debe buscar unha solución, podendo ser, por exemplo, unha destas solucións a colocación dunha nova marquesiña que permita o acceso por outro lugar que non sexa o frontal.

Tamén sería avaliable como solución factible, o de comprobar a posibilidade de anchear a beirarrúa uns metros máis arriba de onde está colocada esta marquesiña, aproveitando un anaco de estrada que está debidamente sinalizado como lugar prohibido de tránsito para vehículos.

Podendo colocar debidamente neste novo tramo de beirarrúa unha nova marquesiña de fácil acceso para todas as persoas, que non obrigue a invadir a estrada, situando o lugar da parada do autobús ao carón esquerdo desta nova marquesiña, sen prexudicar en ningún momento o tránsito fluído nesta avda. da cidade.

Por último pedimos ao Concello que leve a cabo un estudo pormenorizado das marquesiñas existente para avaliar posibles trocos necesarios para a súa mellora, ou lugares onde a pesares de haber parada de autobús non existe marquesiña e debería estar habilitada, como é o caso do Hórreo diante da estación de ferrocarril e do ambulatorio médico

martes, 26 de febrero de 2013

Apoio 26F




A Área de Mocidade de Esquerda Unida en Compostela apoia as mobilizacións contra os orzamentos da Xunta de Galicia que se levaron e levarán a cabo onte, luns 25 de febreiro, e hoxe, día 26, e chama a toda a xuventude a unirse á mesma.

Dende a chegada do Partido Popular ao goberno, central e autonómico, e xa antes cos gobernos liderados polo PSOE, os servizos públicos son constante diana dos recortes neoliberais, queréndonos referir especialmente neste caso aos recortes nas universidades públicas da Galiza.

A USC (Universidade de Santiago de Compostela) é unha das que máis recortes se lle están a impoñer, xa que estes recortes son similares aos da Universidade Complutense de Madrid, coa diferenza de que a USC ten a metade de persoal que a anterior, algo que se ven dando coa redución continuada do persoal na universidade dende 2009.

Estes recortes, ademais de precarizar a universidade, levan a unha elitización da mesma, posto que implican unha suba de taxas que se está intentando ocultar, o que non permitirá acceder a moitas rapazas e rapaces que non poden permitirse pagalas.

Outro dos dramas dos recortes na universidade pública é o que toca á investigación que se realiza no país, potencialmente en perigo pola constante redución de prazas e axudas á mesma, o que obriga a moitas mozas e mozos a emigrar para poder dedicarse ao seu traballo.

A Área de Mocidade denuncia os recortes que está a sufrir a universidade pública, que non son máis que a continuación do Plan Boloña e o Plan da Estratexia de Universidade 2015, que buscan a privatización, o control externo e o desmantelamento da universidade pública.

Por todo isto, chamamos á sociedade a sumarse ás mobilizacións que se están levando a cabo nesta xornada de loita que comeza hoxe no peche da Coordinadora en Defenda da Universidade Pública na Facultade de Filosofía e que continuará mañá nunha concentración diante do Parlamento a partir das 12h.

Ademais, facemos un chamamento ao conxunto de organizacións e sindicatos para continuar coa unidade de accións de cara o futuro, posto que a unidade fai a forzar e os ataques contra os servizos públicos e os dereitos laborais on acaban aquí, senón que seguirán. A Área de Mocidade de Esquerda Unida, ao igual que fai agora, tamén apoiará as futuras mobilizacións deste carácter no vindeiro mes.