miércoles, 18 de diciembre de 2013

Defensa laicismo



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PIDE QUE SE RESPETE A LAICIDADE NA EDUCACIÓN NOS COLEXIOS E INSTITUTOS DA COMARCA

AO CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA MOSTRARON A SÚA PREOCUPACIÓN DOCENTES DE DIFERENTES CENTROS POLA CELEBRACIÓN DE ACTOS CON CONTIDO RELIXIOSO POLA FESTA DO NADAL

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela sempre defendeu, defende e defenderá, dende o respecto ás distintas crenzas relixiosas, á laicidade na ensinanza e nas institucións públicas, así como a liberdade relixiosa e de conciencia.

Son datas sinaladas para as persoas cristiás de todo o mundo, xa que en decembro é cando se celebra a festividade do Nadal, na que se conmemora o posible nacemento de Xesús. Con isto, a vida tínguese de luces e diferentes festividades, así como de prácticas de marcada tendencia consumista.

O preocupante disto é que, ás veces, estas celebracións, lexítimas levadas a cabo correctamente, invaden espazos nos que non deben ter lugar polo respecto que se debe ter a pluralidade ideolóxica e relixiosa da sociedade.

Nos últimos días vense denunciando en diferentes centros educativos por parte do persoal docente, nais e pais de toda a comarca a celebración de actos de contido relixioso relacionados con estas datas, nos que se representa, recrea ou conmemora o posible nacemento de Xesús.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela preocúpanos estes feitos, xa que violan a laicidade que se debería defender dende o ensino. Ademais, estas prácticas poden resultar molestas, incluso ofensivas, dado que se ven na obriga de asistir a actos persoas que non comparten, polo motivo que sexa, esta festividade.

É evidente que para calquera acto relacionado coa festividade cristiá do Nadal hai moitos lugares lexítimos para conmemorar, recrear, representar ou o que se considere oportuno sobre o posible nacemento de Xesús. Na cidade hai igrexas suficientes para que os católicos disfruten como consideren oportuno do nacemento do seu deus. Tamén, dado o cariz mercantilista que ten esta festividade cristiá, un bo lugar para realizar actos relacionados co Nadal poden ser os centros comerciais.

Por todo isto, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos a denuncia destes feitos, obviamente sen ánimo de ofender a ningunha persoa, senón pola férrea defensa que sempre levamos a cabo dos dereitos de todas as persoas e pola nosa crenza no laicismo no Estado e a todos os niveis institucionais.

No hay comentarios: