jueves, 21 de noviembre de 2013

Xuntanza con Médicos do Mundo



REPRESENTANTE DO CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CON MÉDICOS DO MUNDO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEMANDA PLANS DE ACTUACIÓNS CONTRA A EXCLUSIÓN SOCIAL.

O coordinador comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, e unha  participante do grupo de traballo de políticas sociais, Sofía Díaz, mantiveron unha xuntanza con Médicos do Mundo.

Manifestamos a nosa preocupación polos datos sobre mulleres explotadas sexualmente exercendo a prostitución que indicaron dende Médicos do Mundo. Datos que reflicten que a maioría das mulleres migrantes que, por diversos motivos, se ven obrigadas a exercer a prostitución, non teñen regularizada a súa situación, polo que son vítimas dos abusos dos proxenetas e teñen serias dificultades para acceder a sanidade. Segundo os seus datos, máis do 90 % das persoas que exercen a prostitución en Galicia son vítimas de trata e tráfico de mulleres.

Un de cada tres homes, e cada vez máis xóvenes, incluso adolescentes, son cómplices necesarios desta situación, pois como usuarios, perpetúan a escravitude sexual que sofren estas mulleres.

Dende Médicos do Mundo tamén denunciaron que nos últimos anos as condicións de explotación sexual empeoraron exponencialmente, ata o punto de ser necesario o aumento do uso do preservativo feminino para evitar enfermidades de transmisión sexual e posibles embarazos. Asímesmo, indican que hai un aumento de mulleres galegas que se ven abocadas a exercer a prostitución, sobre todo na franxa de idade entre os 18 e 24 anos.

Desde o Consello Comarcal de EU consideramos que a prostitución supón unha forma extrema de violencia de xénero que non pode ser obxecto de regulamentación. A Administración, coa colaboración de organizacións sociais e o movemento cidadá, ten que desenvolver políticas encamiñadas á súa abolición, con programas integrais dirixidos ás persoas que exercen a prostitución e campañas de tolerancia cero cara o proxenetismo e o prostituidor. É preciso rematar coa invisibilidade desta realidade perversa e conquerir a sensibilización social precisa, para unha contundente penalización social das persoas que comercian e se lucran co corpo e a vida das mulleres.
Tamén preocupantes son os datos sobre as consecuencias do Real Decreto que expulsa a moitas persoas migrantes do dereito a unha sanidade pública, universal e gratuíta. Criticamos que o programa galego ideado pola Xunta para atender as persoas migrantes non é mais cunha farsa publicitaria que non atende ás necesidades reais destas persoas.

Tal e como informaron dende Médicos do Mundo das entre 9.000 e 12.000 persoas migrantes que terían dereito ao acceso a este programa, só en torno a 1.200 se inscribiron, o que mostra claramente a deficiente información que dende a Consellería se está a dar, que apenas chega ó 10 % da poboación migrante susceptible de incluirse no programa. 

Por último dende o Consello Comarcal de EU Compostela demandamos, en primeiro lugar,  a derrogación deste Decreto Lei e reiteramos, unha vez máis, a defensa dunha sanidade pública, universal e gratuíta. Tamén esiximos tanto do Concello, como doutras Administracións Públicas, que, despois do pertinente debate e participación cidadá, se leven a cabo os plans de actuación contra a exclusión social que sexan necesarios.

No hay comentarios: