A ÁREA DE LIBERDADE DE
EXPRESIÓN AFECTIVO-SEXUAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA A LGTBIFOBIA DO
PROFESOR DA USC NEIRA GARCÍA
ALEAS-EU COMPOSTELA ESIXE Á
USC QUE CUMPRA COA SUA OBRIGA E TOME AS MEDIDAS NECESARIAS CON ESTE PROFESOR
Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual de Esquerda Unida
Compostela reafirmamos o noso compromiso na loita contra o heteropatriarcado e
a LGTBIfobia que enferman e poñen en risco á nosa sociedade.
Este ano resultou ser moi duro, xa que foron varios os casos de ataques de
carácter fascista-LGTBIfóbicos e foron varias as denuncias recibidas de
comportamentos do mesmo estilo contra persoas do colectivo LGTBI. A todos estes
debemos hoxe, por desgraza, sumar unha denuncia máis.
O pasado martes 19 de novembro na Facultade de Maxisterio, o profesor
Domingo Neira García na materia de “Didáctica e profesión Docente” comezou un
debate impensable hoxe en día, posto que na súa exposición sobre unha temática
proposta polo alumnado, a pederastia, chegou a identificar esta coa
homosexualidade.
Ao longo da súa intervención na clase, que durou entre as 09:00h e as 10:30h desa mañá, o profesor Neira García fixo afirmacións do tipo que a “sociedade estaba enferma e enganada pola homosexualidade, un tema do que xa non se podía opinar”. Segundo o docente da USC, “os homosexuais carecían de hombría e non poden educar”, xa que “a homosexualidade era contaxiosa” e que por iso precisamente “tampouco se podía permitir a parellas do mesmo sexo a adoptar, posto que lles pasarían o seu mal aos seus fillos”. Tamén asegurou que “as mulleres lesbianas teñen un Cromosoma XXX”, o que explicaría o seu comportamento non normal.
Ademais disto, Neira García asegurou ter probas científicas e estudos que
demostraban o que el expoñía e non entendía que algunhas persoas de entre o
estudantado decidirán marcharse da aula, mentres que outros rebatían as súas
absurdas afirmacións.
Non podemos obviar tamén que, como materia de estudo, o profesor obriga a
usar basicamente unha publicación propia titulada “Didáctica para el
Crecimiento Socio-personal”, onde ademais de comentarios de carácter homófobo
como que incluír dentro de “desviacións condutuais a sodomía, o travestismo e
as violacións”, unir a corrupción de menores coas “vodas gay” ou relacionar a
zoofilia coa homosexualidade (todo isto na páxina 293 de dita publicación).
O estudantado denuncia estes feitos e sentirse farto desta situación, a
mesma que lles obrigou a realizar unha recollida de sinaturas esixindo a toma
de medidas por parte do Decanato da facultade, da Reitoría da USC e do Valedor
do Estudante con respecto a este individuo.
Dende ALEAS-EU denunciamos esta situación, posto que non é a primeira vez
que se realizan queixas ao respecto deste profesor na Facultade, sen que a día
de hoxe se tomara algún tipo de medida ou sanción aos seus ataques e
comentarios de odio. Ademais, denunciamos que a USC non teña un control serio
das obras e temarios que o estudantado está a recibir nas clases, posto que a
lectura deste libro nunca se debería ter dado na universidade pública.
Así, dende ALEAS-EU sumámonos ás esixencias do estudantado de maxisterio da
USC e esiximos a expulsión de Domingo Neira García como docente da USC, posto
que esta persoas non está capacitada nin debe seguir educando aos e ás Mestres
do mañá.
No hay comentarios:
Publicar un comentario