miércoles, 2 de octubre de 2013

Condea a Conde Roa



O CONSELLO COMARCAL  DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA OPORTUNA A INHABILITACIÓN A CONDE ROA PARA CARGO PÚBLICO POLA CREBA DE CONFIANZA NA CIDADANÍA QUE O SEU DELITO SUPÓN.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA AGARDA SE SIGAN INVESTIGANDO, XULGANDO E CONDEANDO AS ACCIÓNS PRESUNTAMENTE CORRUPTAS DOS CARGOS PÚBLICOS QUE ARRUINAN A DEMOCRACIA EN SANTIAGO

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela valora positivamente que a xustiza, amén da condea que considere oportuna, castigue coa inhabilitación para cargo público a aquelas persoas que atenten contra o sistema público de todas e todos, sexa cal sexa o delito.

A sentenza condenatoria con Conde Roa debe ser un exemplo a seguir contra a corrupción que afecta a moitas persoas, que baixo amparo dos partidos do sistema, buscan o seu beneficio persoal a costa da cidadanía, a costa da Democracia.

É execrable o que o Partido Popular esta a facer contra a nosa cidade, contra Santiago. É lamentable o fedor a corrupción que emana do Concello e se investiga nas operacións xudiciais Pokemon e Manga. Demandamos que a xustiza actúe con dilixencia e xulgue definitivamente, e condee se é preciso, as  presuntas accións corruptas do equipo de goberno de Ángel Currás e que se ditamine a culpabilidade ou non de todos os cargos públicos implicados nas investigacións xudiciais que paralizan o Concello de Santiago ao mesmo tempo que levan á ruína á ética e á propia democracia.

Por desgraza, é evidente que a ética e a moral fuxiron fai tempo deste Concello. Como é posible, por exemplo, que Juan de la Fuente siga sendo concelleiro, como pode representar as veciñas e veciños un concelleiro que se negou a testificar ante un xuíz, é un dereito que todos temos como cidadáns, pero como cargo público ou es transparente na túa xestión ou a dimisión é o único camiño.

Para o Consello Comarcal de EU Compostela, hoxe máis que nunca, a Democracia Participativa ten que ser unha realidade no día a día das veciñas e veciños, teñen que comprobar que a súa participación na vida do Concello é moito máis que ir a votar unha vez cada catro anos. Se co PSdeG e BNG era unha utopía, co PP unha quimera.

Como é posible que a cidadanía non poda todavía ser partícipe na elaboración dos orzamentos municipais. Cal é o medo dos partidos do sistema a escoitar as veciñas e veciños e facer real a nosa demanda de Orzamentos Participativos?

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela mantén firme o seu compromiso para que sexan a transparencia, a ética e a moral as que gobernen esta cidade, e non o lucro persoal,  os tratos de favores, o clientelismo e a corrupción.

No hay comentarios: