viernes, 7 de junio de 2013

Xuntanza coa A.VV. Raigame do Ensanche



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANTÉN UNHA XUNTANZA COA A.VV. RAIGAME DO ENSANCHE.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA COMPARTE AS RECLAMACIÓNS VECIÑAIS RESPECTO ÁS MELLORAS URBANÍSTICAS QUE NECESITA O BARRIO.

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo co programa de reunións co tecido asociativo da cidade mantivo unha xuntanza con representantes da A.VV. Raigame do Ensanche.

Na xuntanza, consistente nun percorrido por diferentes zonas do Ensanche, os representantes da AV manifestaron que esta zona de Santiago necesita actuacións de mantemento e reurbanización con urxencia.

Unha das reclamacións, que conta co total apoio do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, é a necesidade de que os colectores de lixo na r/ Nova de Abaixo nº17 volvan estar soterrados, esixindo ao Concello que actúe de inmediato e atenda as demandas da A.VV. posto que elevaron xa tres escritos ao equipo de goberno para que actúe e solucione o problema.

Tamén compartimos a necesidade  de reurbanizar as escaleiras que unen a r/ Nova de Abaixo con Rosalía de Castro e que presentan un lamentable estado de sucidade e abandono pese ao gran transito diario de persoas que as utilizan.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esiximos, ao igual que dende fai tempo o pide a A.VV: Raigame, un plan de actuación na Praza de Vigo que acometa as obras necesarias de mellora que este espazo público necesita.

Outra actuación necesaria e moi urxente para o Ensanche é o arranxo de estradas e beirarrúas, cuxo lamentable estado supón, en moitos casos, un grave risco para a seguridade das veciñas e veciños.

Outra petición da A.VV:, debidamente rexistrada e que o Consello Comarcal de EU comparte, é a necesidade de solucionar os problemas que poidan existir nos urinarios públicos situados na Alameda, que a día de hoxe seguen pechados, sen data coñecida de reapertura, polo que demandamos ao concello que leve a cabo as medidas necesarias para acometer o antes posible a posta en funcionamento destas instalacións.

Por último, entre as moitas propostas feitas polos representantes da A.VV: Raigame, dende o Consello Comarcal de EU Compostela queremos destacar a necesidade de instalar unha marquesiña na parada nº 694 situada na r/ do Hórreo, xusto antes do Ambulatorio, e que é moi utilizada, por exemplo, por pacientes crónicos de tratamento diario ou dependentes e acompañantes que se ven na obriga de padecer as inclemencias do tempo nunha parada sen ningún abrigo

No hay comentarios: