martes, 4 de junio de 2013

Dimisión XA de Juan de la Fuente



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA ESIXE A DIMISIÓN OU CESE INMEDIATO DE JUAN DE LA FUENTE.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CONSIDERA QUE SE CURRÁS NON ACTÚA DEBIDAMENTE DEBE RENUNCIAR Á ALCALDÍA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, respectando que está no seu dereito legal, considera inadmisible que Juan de la Fuente se negara a declarar ante o xuíz. Dimisión ou cese xa.

Non negamos que sexa un dereito legal de calquera imputado negarse a declarar ante un xuíz, pero como cargo público, por ética e moral, Juan de la Fuente non debe facer uso dese dereito ao estar sometido á obriga ante a cidadanía de dar todas as explicacións que se lle esixan.

Unha vez máis, como xa levamos demandando dende o 16 de marzo, Juan de la Fuente ten que dimitir ou ser cesado de calquera tipo de responsabilidade no Concello, por suposto respectamos a súa presunción de inocencia, pero este concelleiro denigra á Institución local cos seus comportamentos e actuacións. Dimisión ou cese xa.

Por suposto se a decrepitude ética do señor Juan de la Fuente fai que se aferre ao cargo que ostenta, é obrigatorio que o alcalde Ángel Currás actúe de inmediato e, en primeiro lugar, o cese de todas as súas responsabilidades e, por suposto, censure publicamente a execrable actuación deste concelleiro neste caso das facturas falsas e lle reclame a dimisión

Se o señor Currás mantén a súa covardía e ineptitude, que tanto está a prexudicar á maioría social desta cidade, e non actúa debidamente contra a execrables actuacións de Juan de la Fuente, debe dimitir como alcalde e concelleiro posto que, por decencia, queda inhabilitado para cargo público.

Por último reiterar que por hixiene democrática, se leve a cabo o adianto de eleccións municipais para que a cidadanía, coa voz do seu voto, decida o futuro que quere para Santiago, non sería tolerable, como parece, que co beneplácito tanto do PP como do PSdG, sexa unha xestora ou troica a que rexa esta cidade. O futuro da cidade ten que decidilo as veciñas e veciños coa Democracia das urnas.

Por suposto, se o nefasto equipo de goberno local do PP, non ten a suficiente ética para botarse a un lado, polo ben da cidadanía, e reclamar a disolución do Concello e o adianto de eleccións municipais, deber ser o señor Feijoo o que ten que asumir as responsabilidades que implica ser o presidente da Xunta e, ante o dano que se está ocasionando á cidade, se obrigue a todos os cargos imputados nas tramas de corrupción investigadas pola xustiza, se ben respectando a súa presunción de inocencia, a dimitir e a demandar e conseguir o adianto de eleccións municipais.

No hay comentarios: