jueves, 20 de junio de 2013

Dimisión Benardino Rama



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PIDE A DIMISIÓN DE BENARDIDO RAMA POLA SÚA IMPUTACIÓN NO CASO MONTEBALSA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA A NECESIDADE DE ADIANTO DE ELECCIÓNS E DE QUE OS CARGOS PÚBLICOS IMPUTADOS EN CASOS DE PRESUNTA CORRUPCIÓN DIMITAN.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, dende o respecto a súa presunción de inocencia, esixe a dimisión de Benardino Rama pola súa imputación no caso Montebalsa.

En primeiro lugar, queremos manifestar que será o procedemento xudicial, onde o señor Rama defenda as súa inocencia baixo o amparo da lei, o que ditamine se hai motivos para a culpabilidade ou non deste concelleiro.

Mais, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela consideramos que por deber político e ético, o concelleiro Benardino Rama debe renunciar ao seu cargo público. A responsabilidade política que debe impregnar a todo cargo público esixe dita dimisión.

O Concello de Santiago está a dar un mal exemplo de responsabilidade política ante a cidadanía, que padece a diario como as persoas que as deben representar politicamente están inmersas en casos de corrupción de tal forma que son numerosas as imputacións que salfiren o equipo de goberno do PP, ao que se suma agora o PSdG. Que máis ten que pasar no Concello para que se asuman as responsabilidades políticas?

É intolerable que a sospeita permanente se instale no Concello provocando que a tensión e demagoxia se impoñan no salón de Plenos e que non se teñan en conta as necesidades reais dunha cidadanía abafada polos recortes e as políticas austericidas. A coherencia política e a altura ética deberan prevalecer e non un esperpéntico circo do “e ti máis e ti peor”. En todo caso, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela agarda que, polo ben da ética e da democracia, as cousas non se intenten ‘maquillar’ entre os grupos políticos afectados. .

Por iso, por responsabilidade política reclamamos, unha vez máis, non só a dimisión de Benardino Rama de inmediato, se non a de todos os cargos públicos imputados en casos de presunta corrupción, pois se ben defendemos a súa presunción de inocencia, este escándalo continuado lesiona, non só a imaxe deste Concello, senón á mesma democracia.

Por último reiteramos que a solución para este Concello para necesariamente polo adianto electoral. Só as urnas poden rexenerar unha corporación ferida de morte e achegar a ética á práctica municipal. Ética cuxo fin é garantir os servizos públicos que as veciñas e veciños queren para Santiago

No hay comentarios: