miércoles, 26 de junio de 2013

Defensa da Democracia Participativa



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A SÚA DEFENSA E LOITA POR ACADAR A DEMOCRACIA PARTICIPATIVA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA PROSEGUIRÁ CO SEU TRABALLO POLÍTICO DENDE AS RÚAS PESE AOS IMPEDIMENTOS QUE O SISTEMA IMPÓN PARA LIMITAR A PARTICIPACIÓN DEMOCRÁTICA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende a necesidade de avanzar na Democracia Participativa da cidadanía moito máis aló do, necesario pero insuficiente, voto cada catro anos.

Tal e como sempre manifestamos, e levamos como un dos puntos principais do noso programa electoral, consideramos que para acadar esta Democracia Participativa é necesaria a involucración da Administración Pública local mediante a redacción dun novo Regulamento de Participación Cidadá, no que entre outros aspectos se disporá o seguinte:

En primeiro lugar unha carta de dereitos de veciños e veciñas no que se recollerán os dereitos veciñais, tales como, dereito de petición, dereito de intervención nas sesións públicas, dereito de consulta ou referendo e dereito á información.

Tamén se regularían a implementación dunha serie de medidas organizativas e estruturais como, por exemplo, elaboración de un Plan de Formación cidadá, creación de Foros Cívicos de Consellos Sectoriais, Asembleas de Barrios e, entre outras, Audiencias Públicas (orzamentos, urbanismo...).

Por último neste novo Regulamento de Participación Cidadá se fixaría a creación dos necesarios órganos de Participación Cidadá, como o Consello do distrito (constituídos polos Asembleas de Barrio con cadanseus consellos), Asemblea Sectorial e Consello de Movemento Veciñal.

Todas estas medidas organizativas e estruturais, ademais de fomentar a participación real da cidadanía no Concello, estarán tamén encamiñadas en acadar o antes posible a consecución dos Orzamentos Participativos.

Os Orzamentos Participativos supoñen unha aposta innovadora de co-xestión pública cidadá que propugna como principio básico a Democracia Directa para a planificación comunitaria dos recursos públicos municipais, teñen como obxectivo principal xerar un espazo cidadá de debate e decisión

Mais se antes co bipartito do PSdeG e o BNG a Democracia Participativa era unha utopía, coa chegada do Partido Popular converteuse nunha quimera poder acercarse a que a cidadanía representen para os partidos do sistema algo máis que un voto cada catro anos.

Pese a que, según o PP, a lei indica que Esquerda Unida non ten lexitimación activa para presentar directamente mocións ou proposicións, e tamén que non hai razón legal que obrigue ao Concello a que conteste ás preguntas que presentamos, nós seguiremos traballando.

Seguiremos presentando propostas, como a regulación semafórica de Pitelos, o servizo de mediación cidadá ou a taxa aos caixeiros, coa intención de que por respecto democrático se teñan en consideración e se estuden.

Seguiremos presentando preguntas que fiscalicen o traballo do equipo de goberno por responsabilidade coas persoas que depositaron a súa confianza nesta organización para que leve a loita anticapitalista da esquerda alternativa e transformadora ao Concello.


En definitiva, pese aos intentos da burocracia legalista dos partidos do sistema, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela proseguirá o traballo que leva anos facendo, e ademais de estar nas rúas coas veciñas e veciños, seguirá presentando propostas e preguntas que cimenten o seu traballo para mudar as políticas austericidas que abafan esta cidade

No hay comentarios: