martes, 21 de mayo de 2013

Xuntanza con O Parto é Noso



A ÁREA DE MULLERES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE COAS REPRESENTANTES DA ASOCIACIÓN O PARTO É NOSO.

A ÁREA DE MULLERES DE EU COMPOSTELA DEMANDA UNHA ATENCIÓN AO PARTO NO QUE SE RESPECTEN OS DEREITOS DAS MULLERES, SE PROPORCIONE INFORMACIÓN SOBRE OS DIFERENTES TRATAMENTOS E SE EVITE UTILIZAR PROCEDEMENTOS CONTRAINDICADOS POLAS ORGANIZACIÓNS SANITARIAS.

As representantes da Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela, Marta Marroquín, Mari Cao e María Rozas, xunto co membro do Consello Comarcal, Xenxo Redondo, mantiveron unha xuntanza coas representantes da asociación O Parto é Noso.

Na actualidade na atención ao parto proporcionada no hospital Clínico Santiago non se están a cumprir as directrices marcadas polas organizacións sanitarias mundiais en materia de obstetricia. Séguense a realizar de forma habitual intervencións innecesarias, obsoletas, molestas e incluso contraindicadas para a saúde da nai máis da crianza, como, entre outras, non permitir que a xestante teña liberdade de movemento durante a dilatación, a episiotomía por sistema, o emprego abusivo da oxitocina, a maniobra de Kristeller e a imposición da posición materna durante o período expulsivo. A Organización Mundial da Saúde, dende 1985,  e o Ministerio de Sanidade, recomendan evitar estas prácticas que poñen en perigo a saúde das mulleres e das súas crianzas.

A excesiva medicalización provoca un aumento de partos instrumentalizados e cesáreas innecesarias. Refírense casos de nais que pasan por un estrés postraumático debido as situacións horribles ás que as someten  durante o parto.

A Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela solicitamos que se forme aos profesionais sanitarios do CHUS para que sigan as directrices marcadas pola OMS para a atención ao parto, como xa se fai noutros hospitais galegos (O Salnés, Cee, etc) como tamén nos novos métodos para realizar cesáreas máis seguras e menos cruentas que as tradicionais (método Misgav Ladach). A escusa da crise e os recortes non teñen cabida. É máis barata a atención ao parto seguindo os protocolos da OMS, que requiren dunha menor intervención e medicalización, que un parto instrumentalizado.

Segundo as directrices sanitarias débese asesorar ás interesadas sobre os diferentes plans de parto aplicables á súa situación clínica e as embarazadas teñen dereito a decidir sobre as distintas alternativas. Pola contra, na actualidade, non só non se recibe información, senón que a maioría das solicitudes dun plan de parto respectado son denegadas.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela reivindicamos os  dereitos das mulleres na atención ao parto, tantas veces esquecidos, asi como o dereito á información sobre as vantaxes e inconvenientes dos diferentes tratamentos e o dereito a participar na toma de decisións e que estas sexan respectadas.


É dereito das mulleres ser atendidas no nacemento das súas crianzas da mellor maneira posible. É deber do Goberno facer todo o posible para que os profesionais sanitarios reciban formación sobre as recomendacións actuais, baseadas na evidencia científica e no respecto, así como de velar que estas recomendacións se cumpran.

É o noso corpo, é a nosa crianza e é o noso parto. Temos dereito a decidir; e así nolo outorga a Lei de Autonomía do Paciente.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela tamén manifestamos a nosa preocupación pola atención que se está a prestar na UCI de neonatos do CHUS, onde se restrinxe a presenza dos pais, o contacto físico da familia cos bebés, e a lactancia materna. Recordamos que a Carta Europea dos Dereitos dos Nenos e Nenas Hospitalizados recolle o dereito das crianzas a estar acompañados polos seus pais e a Organización Mundial da Saúde sinala a importancia do contacto físico. Por todo isto solicitamos, como xa se fai en numerosos hospitais, unha unidade neonatal aberta aos pais as 24 horas do día, na cal non se restrinxa o contacto entre a nai e a crianza e no que se fomente, en vez de limitala, a lactancia materna, os beneficios da cal están máis que demostrados pola comunidade médica

No hay comentarios: