martes, 7 de mayo de 2013

Xuntanza coa Fundación Secretariado Gitano



A ÁREA DE MULLERES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CON TRABALLADORAS DA FUNDACIÓN SECRETARIADO GITANO

A ÁREA DE MULLERES DE EU COMPOSTELA DEMANDA UN MAIOR COMPROMISO POR PARTE DO CONCELLO PARA O COLECTIVO XITANO

As representantes da Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela, María Rozas e Sara García, mantiveron unha xuntanza coas traballadoras da Fundación Secretariado Gitano en Compostela.

O tema da conversa foi a preocupación, compartida por ambas partes, sobre como a situación actual de crise que padecemos afecta á comunidade xitana da comarca e especialmente ás mulleres xitanas.

 O Secretariado Gitano observa un aumento considerable no número de familias xitanas de clase media que están en risco de exclusión social debido non só a situación de vulnerabilidade que sofren trala redución ou perda de ingresos familiares, senón a acuciante redución do volume de axudas públicas por parte do Concello de Santiago ás que acudir: programas RISGA, axudas á vivenda,  axudas aos libros de texto. Ademais en moitos casos  estase a dar un endurecemento dos requisitos de acceso a estas axudas. 

Dende Esquerda Unida demandamos que o Concello non pode deixar desamparadas a estas familias, é a súa obriga velar pola cidadanía de Compostela. Débense homoxeneizar os criterios de acceso as axudas e acurtar os tempos de espera. É vergoñento que moitas destas familias, en situacións graves de necesidade, teñan que esperar como media 8 meses para recibir unha axuda.

A escasa oferta de vivenda de protección oficial por parte do Concello, que dende EU Compostela levamos anos a reclamar,  xunto a situación de estrangulamento económico está a provocar que moitas familias xitanas da comarca sexan desafiuzadas ou teñan que abandonar as súas vivendas por non ser capaces de facer fronte o aluguer.

O Secretariado comparte coa  Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela a preocupación por como poden evolucionar os índices de discriminación  nun contexto que obriga á cidadanía galega a competir por uns recursos de loita contra a  pobreza cada vez máis recortados. Tamén é preocupación compartida as consecuencias que este contexto de crise e falta de amparo institucional supón para as mulleres xitanas, xa que o  propio Secretariado observa un aumento das cargas domésticas, laborais e familiares que carrexan as mulleres xitanas da comarca de Santiago.

No hay comentarios: