jueves, 9 de mayo de 2013

Moción apoio ao Comercio Xusto



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera función indispensable do Concello levar a cabo todas as medidas precisas na procura da xustiza e igualdade social.

O 11 de maio celébrase o Día Mundial do Comercio Xusto, e consideramos que o Concello de Santiago debe acometer iniciativas que promovan na cidade un cambio de modelo na distribución e comercialización, que a día de hoxe perpetúan un sistema económico e social sustentado na explotación laboral de persoas e na destrución do medio ambiente.

Unha das terribles consecuencias do sistema económico imperante é a fame. É inmoral que nun  no mundo se producen máis alimentos que nunca antes na historia 900 millóns de persoas sigan hoxe a pasar fame (segundo os últimos datos da FAO).  A globalización neoliberal ten privatizado moitos dos aspectos da nosa existencia, incluso o acceso aos recursos naturais como a terra, e a propia agricultura. Unhas poucas multinacionais someten aos seus intereses privados a produción, distribución e consumo facendo da alimentación un mero negocio e provocando que  millóns de persoas pasen fame e vivan en circunstancias de  pobreza, violando en fin, un dereito tan fundamental como o dereito á alimentación.

Pero non so a fame é consecuencia do sistema económico imperante. As persoas perdemos en xeral o nosa soberanía como consumidores, por exemplo a nosa soberanía alimentaria: aquela  que nos permite saber que é o que comemos, a quen lle compramos realmente os alimentos e como se produce todo o que nos levamos á boca. Moitos labregos e labregas non teñen acceso aos bens fundamentais da produción agrícola (auga, sementes, terras) e os propios estados non son soberanos a hora de decidir as súas políticas agrícolas. Isto non acontece unicamente no ámbito da industria alimentaria, a morte, o pasado 24 de Abril, de 660 traballadoras e traballadores de Bangladesh que producían roupa para as grandes marcas internacionais son triste proba disto disto.

Baixo o actual sistema, todos os intereses humanos son sometidos aos intereses privados dunhas poucas multinacionais, e nestas circunstancias non se pode falar de comercio xusto.

É evidente que os principios do Comercio Xusto, estándares internacionalmente definidos pola IFAT, a Asociación Internacional do Comercio Xusto, son totalmente consecuentes co obxectivo que as Administración Públicas deben fixar para mudar este sistema depredador de dereitos humanos, principios, entre outros, como son:

- Creación de oportunidades para grupos produtores desfavorecidos.
- Transparencia e funcionamento democrático para beneficiar as necesidades básicas das
comunidades produtoras e de consumidores e consumidoras.
- Relación comercial equitativa e a longo prazo.
- Prezo Xusto para os produtores e as produtoras.
- Loita contra a explotación laboral infantil.
- Equidade de xénero.
- Condicións laborais dignas.
- Fortalecemento de capacidades e asistencia para os grupos produtores desfavorecidos.
- Información e sensibilización sobre Comercio Xusto.
- Coidado do Medio Ambiente.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario abrir o debate  entre os distintos colectivos da cidade con recoñecida experiencia neste eido, para consensuar as medidas efectivas que o Concello pode levar a cabo dende a institución para fomentar e sensibilizar sobre o Comercio Xusto na cidade.

O Día Mundial do Comercio Xusto é unha ocasión máis para reivindicar sistemas económicos  alternativos, socialmente máis xustos e éticos e máis respectuosos co medio, non so na comercialización senón en toda a cadea de produción, distribución e consumo.

O Concello de Santiago debe por unha parte, apostar pola contratación pública responsable, aquela que ten en conta criterio ambientais, sociais e éticos á hora de comprar ou contratar. Esta obriga debería ser común a todos os organismos e administracións non so polo seu poder económico, senón e sobre todo  polo seu efecto exemplificador no uso dos recursos públicos

O Concello de Santiago debe ademais promover e fomentar iniciativas do comercio xusto, e en xeral todas aquelas iniciativas directamente vinculadas a unha economía social ou alternativa  (banca ética, software libre, cooperativas de consumo e produción,…)

Por exemplo apoiamos, entre outras moitas medidas que poidan saír da necesaria participación cidadá, a posibilidade de que nos comedores escolares que dispoñan de cociña propia se consiga que os produtos consumidos sexan de agroecoloxía de proximidade e de Comercio Xusto, facendo ademais a pertinente sensibilización entre o alumnado e as nais e pais.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que o Concello, a través do debate e participación cidadá, elabore un plan de actuación na cidade para o fomento real e efectivo do Comercio Xusto.

Segundo. Que o Concello leve a cabo durante todo ano diferentes campañas de concienciación e sensibilización do que supón o Comercio Xusto

No hay comentarios: