martes, 28 de mayo de 2013

Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

A ÁREA DE MULLERES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA RECLAMA UNHA ATENCIÓN SANITARIA PÚBLICA E DE CALIDADE PARA AS MULLERES, INCLUÍNDO O DEREITO AO ABORTO.

A ÁREA DE MULLERES DE EU COMPOSTELA DEMANDA UNHA ATENCIÓN AO PARTO NO QUE SE RESPECTEN OS DEREITOS DAS MULLERES, SE PROPORCIONE INFORMACIÓN SOBRE OS DIFERENTES TRATAMENTOS E SE EVITE UTILIZAR PROCEDEMENTOS CONTRAINDICADOS POLAS ORGANIZACIÓNS SANITARIAS.
 
No 28 de Maio,  día Internacional de Acción pola saúde das mulleres, a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela únese ás reivindicacións da Rede mundial de mulleres polos dereitos reprodutivos, recordando que millóns de mulleres no mundo non teñen acceso a servizos de saúde reprodutiva o cal supón unha violación sistemática dos dereitos humanos.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela queremos lembrar que no noso País os recortes en Sanidade e as estratexias privatizadoras da sanidade pública provocaran vítimas, e suporán tamén unha degradación na calidade da asistencia nos aspectos relacionados coa saúde reprodutiva e sexual que afecta especificamente ás mulleres

Queremos recordar que na actualidade na atención ao parto proporcionada no hospital Clínico Santiago non se están a cumprir as directrices marcadas polas organizacións sanitarias mundiais en materia de obstetricia. Séguense a realizar de forma habitual intervencións innecesarias, obsoletas, molestas e incluso contraindicadas para a saúde da nai máis da crianza, como, entre outras, non permitir que a xestante teña liberdade de movemento durante a dilatación, a episiotomía por sistema, o emprego abusivo da oxitocina, a maniobra de Kristeller e a imposición da posición materna durante o período expulsivo. A Organización Mundial da Saúde, dende 1985,  e o Ministerio de Sanidade, recomendan evitar estas prácticas que poñen en perigo a saúde das mulleres e das súas crianzas.

Solicitamos que se forme aos profesionais sanitarios do CHUS para que sigan as directrices marcadas pola OMS para a atención ao parto, como xa se fai noutros hospitais galegos (O Salnés, Cee, etc) como tamén nos novos métodos para realizar cesáreas máis seguras e menos cruentas que as tradicionais (método Misgav Ladach). A escusa da crise e os recortes non teñen cabida. É máis barata a atención ao parto seguindo os protocolos da OMS, que requiren dunha menor intervención e medicalización, que un parto instrumentalizado.

Dende a Área de Mulleres de EU Compostela tamén manifestamos a nosa preocupación pola atención que se está a prestar na UCI de neonatos do CHUS, onde se restrinxe a presenza dos pais, o contacto físico da familia cos bebés, e a lactancia materna. Recordamos que a Carta Europea do Dereitos dos Nenos e Nenas Hospitalizados recolle o dereito das crianzas a estar acampañadas polos seus pais e a OMS sinala a imporantcia do contacto físico. Por todo isto solicitamos, como xa se fai en numerosos hospitais, unha unidade neonatal aberta aos pais as 24 horas do día, na cal non se restrinxa o contacto entre nai e a crianza e no que se fomente, en vez de limitala, a lactancia materna, os beneficios da cal están máis que demostrados pola comunidade médica.


Así mesmo, neste 28 de Maio queremos recordarlle ao Ministro de Xustiza Alberto Ruíz Gallardón e ao goberno do Partido Popular que non se defende a vida recortando dereitos e que, segundo a OMS, preto de 47.000 mulleres  morren anualmente no mundo por abortos inseguros realizados de xeito clandestino, debido á imposibilidade de acceso aos servizos de aborto seguro e legal, e á negación  da autonomía das mulleres sobre os seus corpos e as súas vidas.

Rexeitamos a contrarreforma da lei do aborto que prevé impulsar o Goberno  e esiximos a aplicación efectiva dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos. Por iso, defendemos o dereito inalienable das mulleres a decidir e a que as institucións públicas garantan as condicións para que este dereito fágase efectivo  e demandamos políticas integrais en materia de educación sexual que doten de ferramentas á poboación máis nova para que poidan decidir consecuentemente sobre as súa sexualidade e as súas vidas.

Por todo isto dende a Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela traballamos activamente na Plataforma Galega pola Defensa do Dereito ao Aborto, e animamos á cidadanía a participar nas distintas mobilizacións que leve a cabo esta Plataforma

No hay comentarios: