martes, 14 de mayo de 2013

Crítica á retirada de subvencións



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA A XESTIÓN DAS SUBVENCIÓNS QUE LEVA A CABO O CONCELLO.
                                                                                                             
O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA RECLAMA UN DEBATE SOBRE O CRITERIO QUE DEBE REXER A CONCESIÓN DE AXUDAS PÚBLICAS

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera necesario que o Concello articule debidamente a participación cidadá na cidade.

É evidente que para este obxectivo é necesario, entroutros feitos, colaborar e potenciar o asociacionismo local, en todas as súas vertentes, quen de acadar a implicación da cidadanía.

O PP demostra con estas decisións que na súa folla de ruta neoliberal a cultura non é un dereito ao que coidar e fortalecer, senón un gasto no que poder recortar.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera innecesaria e fondamente prexudicial a anunciada retirada de axudas públicas a diferentes colectivos culturais da cidade.

Xa en febreiro tivemos que denunciar que unha das últimas aberracións deste goberno do PP foi “conseguir” a suspensión do festival AMAL, que hoxe ten a súa continuación coa retirada total de subvencións á Fundación Araguaney.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela consideramos necesario que mediante un debate cos distintos colectivos da cidade se elaboren uns criterios que deberán rexer para a concesión de axudas públicas.

Consideramos que se debe garantir unha distribución igualitaria dos recursos, de tal forma que non se exclúan das mesmas a aqueles colectivos que, co seu esforzo, contribúen a dinamizar a cultura local e achegar experiencias positivas aos veciños e veciñas dos diferentes barrios da cidade.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela consideramos insultante que o equipo de goberno silencie que se destinan inxentes cantidades de diñeiro á Cidade da Cultura, mentres que se negan axudas de pequenas cantidades, pero moi relevantes e necesarias para os colectivos que as precisan.

Semella que o Partido Popular local entrou nunha confabulación co autonómico para baleirar de contidos culturais aos barrios da nosa cidade, e así ‘obrigar’ a un desprazamento cara a Cidade da Cultura quen de xustificar o desbaldimento de recursos da CdC.

Reivindicamos a necesidade de que a administración pública local apoie o tecido asociativo cultural da nosa cidade. É a mellor maneira de garantir o dereito ao acceso á cultura.

No hay comentarios: