viernes, 10 de mayo de 2013

Comunicado polo Día Mundial do Comercio Xusto



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONMEMORA O DÍA MUNDIAL DO COMERCIO XUSTO REIVINDICANDO INICIATIVAS ECONÓMICAS XUSTAS E SOLIDARIAS.

PARA O CONSELLO COMARCAL DE EU AS INICIATIVAS LIGADAS AO COMERCIO XUSTO DEMOSTRAN QUE OUTRO TIPO DE ECONOMÍA É POSIBLE E QUE COMPRE REBELÁRMONOS FRONTE A UN SISTEMA QUE PERPETÚA A INXUSTIZA SOCIAL E A DESTRUCIÓN DO MEDIO AMBIENTE.

O 11 de maio celébrase o Día Mundial do Comercio Xusto e o Consello Comarcal de Esquerda Unida considera función indispensable do Concello promover  medidas que cambien as profundas inxustizas derivadas do actual sistema económico de produción, distribución e consumo.

Unha das terribles consecuencias do sistema económico imperante é a fame. É inmoral que nun  no mundo se producen máis alimentos que nunca antes na historia 900 millóns de persoas sigan hoxe a pasar fame (segundo os últimos datos da FAO).  A globalización neoliberal ten privatizado moitos aspectos das nosas vidas,  incluso o acceso aos recursos naturais como a terra e a propia agricultura. Unhas poucas multinacionais someten aos seus intereses privados a produción, distribución e consumo facendo da alimentación un mero negocio e impedindo o acceso aos alimentos das persoas máis pobres.

Pero non so a fame é consecuencia do sistema económico imperante. As persoas perdemos en xeral o nosa soberanía como consumidoras. Por exemplo a nosa soberanía alimentaria: aquela  que nos permite saber que é o que comemos, a quen lle compramos realmente os alimentos e como se produce todo o que nos levamos á boca. Moitos labregos e labregas non teñen acceso aos bens fundamentais da produción agrícola (auga, sementes, terras) e os propios estados non son soberanos a hora de decidir as súas políticas agrícolas. Isto non acontece unicamente no ámbito da industria alimentaria, a morte, o pasado 24 de Abril,  de máis de 1.000 traballadoras e traballadores de Bangladesh que producían roupa para as grandes marcas internacionais, son triste proba disto.

Baixo o actual sistema todos os dereitos humanos son sometidos aos intereses privados dunhas poucas multinacionais. E nestas circunstancias non se pode falar de Comercio Xusto.

O Concello debe servir de exemplo e apostar pola contratación pública responsable. Aquela que ten en conta criterio ambientais, sociais e éticos á hora de comprar ou contratar.  Ademais o goberno galego está na obriga de promover e fomentar o Comercio Xusto. E en xeral todas aquelas iniciativas directamente vinculadas a unha economía solidaria que sitúan os dereitos das persoas por riba dos réditos económicos  (banca ética,tendas de comercio xusto, entidades que defenden o software libre, cooperativas de consumo e produción,…).

No hay comentarios: