jueves, 25 de abril de 2013

Xuntanza con Andaina



A ÁREA DE MULLERES DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REÚNESE CON REPRESENTANTES DA ASOCIACIÓN FEMINISTA ANDAINA.

A ÁREA DE MULLERES DE EU COMPOSTELA ACORDA NECESARIO REALIZAR UNHA CAMPAÑA CONTRA A REFORMA DA LEI DO ABORTO.
  
As representantes da Área de Mulleres de Esquerda Unida Compostela, Marta Marroquín, Sara García, Paula López e María Rozas, mantiveron unha xuntanza coas representantes da Asociación Feminista Andaina.

O tema da conversa foi a preocupación, compartida por ambas partes, sobre a situación actual de crise que padecemos as mulleres: A feminización da pobreza na nosa comarca, os recortes na Lei de Dependencia, a elevadísima precariedade laboral nas mulleres, as menores taxas de actividade recoñecida, a situación da prostitución, o desmantelamento de todo recurso público en prol da igualdade, e a modificación regresiva da Lei do Aborto que quere levar a cabo o  goberno do PP.  As Mulleres de EU Compostela, como as representantes de Andaina, manifestamos o noso absoluto rexeitamento a esta modificación retrógrada, patriarcal e machista. 

Unha vez máis é necesario rebelármonos e defendérmonos contra este novo recorte dos nosos dereitos, autonomía e liberdade.  Quérennos converter en cidadás de segunda, carentes de dereitos e submisas á tutela do estado nas decisións sobre as nosas vidas, convertendo a maternidade nunha imposición, non nunha opción. 

Por todo isto dende a Área de Mulleres concordamos coas representantes de Andaina en apreciar a necesidade de unir empeños de forzas feministas para traballar durante os próximos meses nunha campaña en contra desta reforma da Lei do Aborto. 

Por outro lado, dende a Área expresamos o noso apoio e admiración ao labor feito por Andaina,  a través da Revista Feminista, que fai pouco celebrou o seu 30 aniversario, así como do MUFEST (Festival de Cine feito por Mulleres).  Falouse do interese de ambas partes en futuras colaboracións para establecer un espazo onde visualizar o cinema feito por mulleres e onde realizar debates feministas.

No hay comentarios: