martes, 23 de abril de 2013

Xuntanza coa AV "A Xuntanza"



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE AS REUNIÓNS CO TECIDO ASOCIATIVO DE SANTIAGO MANTENDO UNHA XUNTANZA COA AV DO BARRIO DE SAN PEDRO “A XUNTANZA”.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA REITERA A NECESIDADE DE CONQUISTAR A DEMOCRACIA PARTICIPATIVA E A OBRIGA DO CONCELLO A SER TRANSPARENTE E A INFORMAR.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Noel Dopazo, Xenxo Redondo e Vicente Vázquez, proseguindo co programa de reunións co tecido asociativo da cidade mantiveron unha xuntanza coa directiva da AV “A Xuntanza”.

Un dos temas tratados nesta xuntanza, como xa se fixera na anterior mantida con este colectivo en febreiro de 2011, foi o Urbana Norte, do que manifestaron os representantes da AV que se desvincularan debido a certas cuestións sobre o seu funcionamento.

O Consello Comarcal de EU Compostela sempre manifestou as súas queixas pola deficiente xestión levada a cabo con este proxecto e, sobre todo, polos ineficaces ou inexistentes mecanismos para converter o Urbana Norte nun modelo de participación cidadá na toma de decisións.

O tema que acaparou a maior parte da xuntanza foi o tema das obras que, se non volve haber retrasos, comezaran en uns meses na rúa de San Pedro.

O Consello Comarcal comparte totalmente as reivindicacións do colectivo veciñal de que calquera medida que se tome nesta rúa ten que pasar inexorablemente por unha diminución drástica do transito de vehículos e cara a maior peatonalización posible, se non pode ser total, desta rúa.

Pero o que non pode ocorrer é que, por mor do gasto que vai supoñer as obras nas rúas de San Pedro, non se acometan obras urxentes que “A Xuntanza” reclama, como o arranxo inmediato das beirarrúas de Quiroga Palacios, dado que o seu lamentable estado supoñen un claro risco para as veciñas e veciños.

Tamén compartimos a proposta exposta pola directiva da AV de que o Concello debe tratar de inmediato a cuestión do envellecemento, que ocorre tanto neste barrio como en outros moitos da cidade, para levar a cabo medidas para colaborar nunha vida autónoma e enriquecedora das persoas maiores.

Por último ante a información recibida de que o Concello xa non colaboraba economicamente no pago do aluguer do local social da AV, que, como comprobamos onte, ten unha gran actividade, consideramos lamentable que, baixo a escusa da crise, o equipo de goberno do PP suprima no 100% a partida orzamentaria para o pago deste aluguer, obrigando a AV a un gran esforzo para manter a súa gran labor social.

No hay comentarios: