viernes, 26 de abril de 2013

Visibilidade lésbica



A ÁREA DE MULLERES E A ÁREA DE LIBERDADE DE EXPRESIÓN AFECTIVO-SEXUAL (ALEAS) DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA QUEREN NESTE 26 DE ABRIL, DÍA DA VISIBILIDADE LÉSBICA, DENUNCIAR A DISCRIMINACIÓN EN TODOS OS ASPECTOS A ESTE COLECTIVO

Dende Esquerda Unida reivindicamos, este 26 de Abril, día da Visibilidade Lésbica, a liberdade das mulleres, a defensa dos seus dereitos sexuais, e a máis que nunca necesaria loita contra o patriarcado e o heteropatriarcado fronte os continuos ataques contra as mulleres en xeral e o colectivo LGTBI en particular.

O día a día das mulleres lesbianas aínda é, se cabe, máis difícil que o da maioría das mulleres.   Vítimas dunha dobre discriminación: por ser mulleres e pola súa condición sexual que non entra dentro da heteronormatividade que rexe as institucións e a política.

A discriminación xa implícita nesta sociedade patriarcal sumada aos recortes e as reformas que aumentan a precariedade laboral, que inciden en especial nas mulleres, fai que esteamos a experimentar un “retorno ao armario”, unha ocultación do modo de vida das mulleres lesbianas por medo a sufrir represalias ou dificultar o seu acceso ao mundo laboral. 

As mulleres lesbianas teñen que soportar os ataques continuos dende as institucións presionadas pola xerarquía eclesiástica. A vulneración dos dereitos das mulleres e do colectivo de LGTBI está a ser o selo ideolóxico do Partido Popular. Por un lado, a modificación da Lei do Aborto que impón a maternidade ao mesmo tempo que o goberno suprime toda axuda dos servizos sociais, a lei de dependencia, e as prazas nas garderías. Polo outro, as mulleres lesbianas que si queren ser nais atópanse con trabas nos tratamentos de reprodución asistida e discriminacións nos rexistros do civil para rexistrar as súas crianzas a nome de dúas mulleres. Esquecéndose dende as institucións que o matrimonio ten sempre os mesmos dereitos, con independencia de que sexa homosexual ou heterosexual. Dende ALEAS Esquerda Unida Compostela e a Área de Mulleres reivindicamos, unha vez máis, a necesidade dun estado realmente laico libre de imposicións relixiosas. 
 
A visibilidade lésbica nas escolas e institutos é unha materia pendente e tabú. O acoso homofóbico ao colectivo LGTBI e a marxinación que padecen está á orde do día baixo o amparo do goberno que non fai nada para atallalo, ao contrario, demostra en moitos casos unha grave falta de sensibilidade. Baixo políticas ideolóxicas retrógradas, heteropatriarcais e eclesiásticas eliminase aínda máis a xa limitada visibilidade LGTBI, suprimindo, por exemplo, a materia “Educación para a cidadanía”.

Dende a Área de Liberdade de Expresión Afectivo-Sexual e a Área de Mulleres de EU Compostela defendemos que a condición sexual de cada persoa non é asunto nin do Estado, nin da Igrexa, nin de ninguén máis que a mesma persoa en cuestión. Felicitamos neste día a todas as mulleres que non esconden a súa orientación sexual, se non que a viven con orgullo e liberdade loitando pola normalización do colectivo LGTBI na sociedade.

Porque por máis que o intenten non poderán relegarnos de novo ao fogar, a boca pechada, controlando as nosas vidas ou os nosos corpos, nin evitar que sigamos loitando polas nosas causas.
A loita contra a LGTBIfobia e polos dereitos das mulleres é unha loita de todas e todos pola construción dunha sociedade diversa e igualitaria. .

Por último, queremos recordar que as Áreas de traballo de Esquerda Unida Compostela están abertas á participación cidadá e que se existen é para colaborar e servir á sociedade

No hay comentarios: