viernes, 26 de abril de 2013

Valoración Plenos abril



VALORACIÓN PLENOS EXTRAORDINARIO E ORDINARIO DO 25 DE ABRIL DE 2013.

Nesta ocasión respectáronse os dereitos legais do representante do Consello Comarcal de EU Compostela, Vicente Vázquez, e puido asistir aos Plenos celebrados para valorar o que alí se debata.

No tocante ao Pleno extraordinario para a aprobación inicial do presuposto do Concello, queremos manifestar, en primeiro lugar que consideramos lamentable o incumprimento dos propios prazos que se deu o PP para a súa presentación, unha mostra máis da nefasta xestión do equipo de goberno do señor Currás.

No tocante ao exposto neste Pleno extraordinario unha vez máis se acredita o nulo interese deste Concello, demostrado ao longo dos anos, para fomentar a participación cidadá, pois so os grupos representados no Concello tiveron opción a lelo, o resto da cidadanía temos que agardar ata agora para, tras arduas xestións, poder contar con el para valoralo e facer alegacións.

O Pleno ordinario comezou coa intervención do portavoz da plataforma de persoas estafadas con preferentes, cuestión que apoiamos radicalmente como necesaria participación da cidadanía na vida das distintas Administracións Públicas pero que ten que ir moito máis aló dunha mera intervención de cinco minutos sen debates.

Participación activa da cidadanía que evitaría que as persoas se vexan na obriga, para defender os seus dereitos, de facer actuacións que provocan a tensión das expulsións do salón de Plenos.

Sobre o acontecido no resto no Pleno destacamos a lamentable exposición da concelleira Amelia González sobre a aprobación do cadro de persoal do Concello, é inadmisible que un cargo público cargue contra os sindicatos, lexítimos representantes da clase traballadora, porque non se dobregaron as súas esixencias para chegar a un acordo, sobre todo cando o PP non fai máis que aumentar os cargos de confianza co custe para as arcas públicas que isto supón.

Outra cuestión tratada neste Pleno foi unha nova modificación orzamentaria que demostra a improvisación que acredita o PP en todas as súas actuacións dende que (des)goberna na cidade.

Un novo debate estéril, sobre todo entre o PSdeG e o PP que cada día demostran as súas carencias ideolóxicas e programáticas, foi o acontecido coa proposta do PSdeG sobre a elaboración dun plan de emprego xuvenil, que non foi aprobado polos votos en contra de o PP.

O Pleno rematou cun rogo do BNG sobre Daviña, e a presentación de mocións das que so se debateron as do BNG sobre nomear persoas non gratas aos deputados do PP que apoiaron a quita e outra sobre Vidal Bolaño.

Debate que so valeu para demostrar, sobre todo, a demagoxia dun Partido Popular ancorado no poder e que todo o considera un ataque, sen maior defensa que a táctica do ventilador e de falar da herdanza recibida.

No hay comentarios: