jueves, 11 de abril de 2013

Pregunta creación Vía Verde Amio-Sigüeiro



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera importante que o Concello ofreza a cidadanía espazos públicos onde desenvolver un ocio alternativo.

Por tal motivo presentamos, o 9 de novembro de 2007, unha moción pedindo a creación da Vía Verde Amio-Sigüeiro, cun alto valor paisaxístico e cunha lonxitude aproximada de 12 quilómetros. Esta vía vai dende Amio a Sigüeiro, pasando pola Sionlla e por Verdía, treito no que cruza o val do río Tambre e do río Sionlla, destacando unha ponte sobre este último río.

Esta necesaria actuación aportaría á cidadanía un lugar único para actividades saudables e deportivas, como pasear, practicar atletismo, andar en bicicleta entre outras moitas. Ademais axudaría a ampliar a oferta turística da nosa cidade, no sector denominado turismo verde, escasamente fomentado nesta cidade.

Por suposto, como sempre defendemos con calquera actuación, sería necesario abrir o pertinente debate co tecido asociativo da cidade, entre outros con asociacións deportivas ou de sendeirismo, co fin de lograr a mellor execución do proxecto desta Vía Verde.

Dende o Consello Comarcal de EU defendemos que se dispoña dun firme axeitado para que persoas con discapacidade poidan utilizar este espazo público, pois o lecer debe integrar a toda a cidadanía.

Entre outras moitas cuestións consideramos oportuno que, ademais de Amio e Sigüeiro, se creen accesos dende as estacións da Sionlla e de Verdía, habilitando a iluminación suficiente nos túneles, alimentada por paneis solares, e dispoñendo dunha estrutura fixa de seguridade na ponte sobre o río Sionlla.

Tamén consideramos necesario que se dote a esta Vía Verde o mobiliario necesario e preciso, dende papeleiras, bancos, lugares de quecemento muscular ata os accesorios que se decidan no debate levado a cabo.

Por suposto consideramos deber do Concello solicitar canta axuda sexa pertinente a nivel autonómico, estatal e europeo para facer realidade este espazo público

Por todo isto, o Consello Comarcal de Esquerda Unida realiza as seguintes preguntas para a súa resposta por escrito:

  1. Que medidas ten previsto o Concello realizar para facer realidade a Vía Verde Amio-Sigüeiro?

No hay comentarios: