O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera función indispensable
do Concello velar por garantir o dereito á vivenda.
Por tal motivo, entre outras medidas, presentamos unha moción, 0 14 de
marzo de 2012, na que propuxemos a creación duna Axencia Pública de Aluguer, co
obxectivo de incentivar a posta a disposición da cidadanía de vivendas en
aluguer social.
Para potenciar esta axencia pedimos nunha moción, o 15 de xuño de 2012, a
xestión pública das vivendas dos bancos e caixas co fin de que sexan
xestionadas polo Concello, a través desta axencia de aluguer, para garantir o
dereito constitucional a unha vivenda digna.
Outras medidas que propuxemos para acadar este dereito á vivenda foron a
creación de axudas para reformas urxentes en vivendas do Concello, moción
presentada o 20 de abril de 2012, e outra moción, presentada o 1 de decembro de
2011, co fin de crear unha convocatoria de axudas para o pago da hipoteca ou
alugueiro en situacións de emerxencia social.
Por iso, como nova medida na loita por acadar o dereito constitucional á
vivenda, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela consideramos necesario
estender as medidas adoptadas polo Goberno Andaluz a través da Consellería de
Fomento e Vivenda mediante o Decreto-Lei
6/2013, de 9 de abril, de medidas para asegurar o cumprimento da Función Social
da Vivenda, ante a inacción demostrada
polo Goberno Central que non adopta as medidas de salvagarda dos devanditos
dereitos ás que vén obrigado e négase a
modificar a lexislación hipotecaria que xerou en boa parte este problema.
Por tanto temos que avanzar en medidas que como o Decreto andaluz supoñen un “plan de choque en
salvagarda do ben xurídico protexido: o dereito a unha vivenda digna”, accións
como obrigar á banca e sociedades
filiais e inmobiliarias a declarar cal é
o parque de vivendas baleiras dispoñibles e sacalas ao mercado do aluguer,
sancionar o seu incumprimento ou mesmo expropiar temporalmente do uso das
vivendas naqueles casos que vaian ser desaloxados cidadáns nos que concorran
circunstancias sociais, tales que a súa saída do domicilio, supoña unha condena
á exclusión social ou unha ameaza para a saúde física ou psíquica.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao
Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDO
Primeiro. Que o Pleno do Concello de Santiago inste ao
Goberno da Xunta de Galicia á adopción de medidas legais de similares
características ás aprobadas polo Goberno de Andalucía recollidas no Decreto
Lei 6/2013 de 9 de abril, de Medidas
para Asegurar o Cumprimento da Función Social da Vivenda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario