viernes, 1 de marzo de 2013

Valoración Pleno febreiro



VALORACIÓN DO PLENO DO 28 DE FEBREIRO DE 2013

Tralos inaceptables antecedentes do mes de decembro e xaneiro, nesta ocasión o representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, pudo asistir ao Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O que consideramos inadmisible é que aducindo falsamente o aforo completo no Pleno se impedira a entrada de representantes da plataforma de afectados polas preferentes, pois o noso representante certifica que en todo momento da sesión plenaria houbo sitio para que varias persoas máis puideran entrar.

No tocante á sesión plenaria cómpre destacar que en varias ocasións nas súas intervencións, sobre todo o alcalde, os concelleiros e concelleiras electas do goberno local mostraron o nefasto ambiente de miseria política ao que o PP está a levar á institución local.

Dos temas tratados neste Pleno dende o Consello Comarcal queremos destacar o punto 10 sobre suplemento de crédito para a xestión e servizo da escola municipal de Salgueiriños.

Sen entrar a valorar as actuacións que a xustiza deberá ditaminar sobre esta escola, desexamos expoñer que este suplemento de crédito acredita, unha vez máis, a ingobernabilidade do Concello, cun Partido Popular incapaz de presentar o orzamento en tempo e forma, e que se ve abocado a apaños contables co que poder sacar adiante o seu traballo.

Tamén lamentamos e condeamos o uso da palabra realizado polo alcalde Currás para pechar o debate deste punto, aprobado grazas o votos a favor do PP e abstención do PSdeG e BNG. Uso da palabra para, cos seus puerís argumentos consistente e meros ataques do “e ti máis e ti peor”, demostrar que o Concello necesita a rexeneración democrática das urnas.

Rexeneración que tamén se demostrou como necesaria por mor do debate no punto 11 da orde do día, proposta do BNG sobre unha comisión de seguimento do Código de bo goberno, no que ante as claras peticións de explicacións por parte da oposición sobre as posibles facturas falsas de Juan de la Fuente, o PP volveu demostrar a súa faciana esquiva coa transparencia e honestidade, tanto porque non aprobou esta comisión como porque non contesta e simplemente utilizar os seus usos de palabra para unha fuxida cara adiante, que nada ten que ver cos intereses xerais das veciñas e veciños.

O Pleno rematou, tras un ambiente que acredita que polo ben da cidadanía non pode continuar o descrédito ao que o PP leva a Santiago, con tres Rogos do BNG e un do PSdeG, e con tres mocións do BNG que non pasaron o trámite burocrático da urxencia, pola maioría do PP, e non chegaron a ser debatidas.

Por último desexamos que para o próximo Pleno, ademais de que toda persoa que o desexe poida asistir, o PP atope ao concelleiro ou concelleira que substitúa a Albino e o Pleno poida contar cos 25 representantes que a Democracia dicta que debe ter o Concello de Santiago

No hay comentarios: