miércoles, 13 de marzo de 2013

Contra peche servizo valoración dependencia e discapacidade



O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera función indispensable das distintas administracións públicas garantir o dereito á saúde da cidadanía.

Mais isto non está a acontecer en Santiago posto que a Consellería de traballo e benestar da Xunta de Galicia perpetra un novo ataque ideolóxico contra os servizos públicos, ao permitir que a nosa cidade quede sen o equipo de valoración da dependencia e a discapacidade.

É inadmisible que o austericidio, que o PP desexa para levar a cabo as súas políticas neoliberais, provoque o desmantelamento deste necesario servizo ao despedir aos 3 asistentes sociais, 2 auxiliares administrativos e 1 psicólogo.

Non existen argumentos lóxicos que permitan xustificar a supresión deste servizo que atendeu ate o día de hoxe a máis de 20.000 persoas. É evidente que estamos ante un novo paso no camiño privatizador da sanidade en xeral e dos servizos de dependencia en particular, tan desexado polo Partido Popular.

A supresión deste servizo significará que as persoas que desexen realizar unha valoración deberán desprazarse e ir á cidade da Coruña para poder cumprir con dita tramitación. Un atropelo máis aos nosos dereitos xa que non podemos esquecer que a promoción da autonomía persoal é considerado o cuarto piar do estado de benestar e da igualdade de oportunidades.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Que o Concello inste á Xunta de Galicia a que manteña o equipo de valoración da dependencia e discapacidades en Santiago.

Segundo. Que o Concello inste á Xunta de Galicia a que non leve a cabo os despedimentos anunciados na consellaría de traballo e benestar e manteña aos profesionais necesarios para prestar este necesario servizo público.

No hay comentarios: