domingo, 3 de febrero de 2013

Totalitarismo do PP



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA CRITICA AS DIFICULTADES QUE O PP PON PARA PODER EXERCER O DEREITO CONSTITUCIONAL A MANIFESTARSE

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA MANIFESTA QUE O TOTALITARISMO DE CURRÁS E O SEU EQUIPO É INADMISIBLE EN DEMOCRACIA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela oponse a calquera medida que teña como obxectivo dificultar, ou incluso impedir, o dereito constitucional a manifestarse

Por desgraza no Concello de Santiago, amén de padecer as políticas neoliberais privatizadoras e antisociais do PP, estamos a sufrir a penitencia dun goberno local totalitario que en menos de dous anos de desgoberno intenta evitar por todos os medios que a cidadanía manifeste nas rúas o seu descontento.

Está máis que acreditado, por desgraza, o intento do PP de privatización das rúas cunha ordenanza, que tralo malestar social evidenciado pola maioría social, tivo que ser modificada para poder permitir que asociacións, ongs, partidos e outras organizacións poidan mobilizarse nas rúas sen ter que pasar pola caixa do goberno de Currás.

Tampouco se pode esquecer a actitude antidemocrática de Conde Roa, apoiado polo actual alcalde, que publicamente censurou a actuación de Leo Bassi nun espazo público da cidade, porque literalmente lle producía especial repugnancia.

Como o medo á cidadanía se extende no PP, non só no eido local, neste comezo de ano, a parte de volver a impedir a entrada das persoas aos Plenos, o alcalde Ángel Currás coas súas medidas totalitarias evitou que Queremos Galego puxera un palco na manifestación multitudinaria do domingo 27 de xaneiro.

Tamén o medo ás persoas estafadas coas preferentes, como a muller de 82 anos que leu o manifesto unitario das distintas plataformas diante da casa do presidente, ausente en Monte Pío, fixo que o Concello esquecera, como tiña indicado, dar a toma de luz para a megafonía, tendo que recorrer  á solidariedade dun bar próximo á residencia presidencial.

Por se non fose suficiente isto, o concello deu a orde expresa de que os autobuses non puidesen aparcar en Santa Isabel, polo que, despois da longa camiñata, a negativa do concello obrigou aos milleiros de persoas que onte se manifestaron, entre eles moitísimas persoas maiores, a realizar outro grande esforzo, innecesario se o PP local tivese vontade democrática.

Por todo isto, o Consello Comarcal de EU esixe que, se o PP non desexa mudar as súas irracionais políticas, polo menos non obstaculice a democracia real que a cidadanía desexa expresar nas rúas.

No hay comentarios: