lunes, 4 de febrero de 2013

Refuxio de Bando



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA DEFENDE A LOITA POLOS DEREITOS DOS ANIMAIS COMO UNHA FUNCIÓN BÁSICA DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA MANIFESTA A NECESIDADE DE MELLORAR O REFUXIO DE BANDO, MANTENDO EN TODO MOMENTO A XESTIÓN E TITULARIDADE PÚBLICA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, tal e como xa manifestou en varias iniciativas, considera necesario que as administracións públicas velen polos dereitos dos animais.

Por desgraza no Concello de Santiago levamos tempo comprobando como unha das medidas municipais que debía ser ferramenta fundamental para este obxectivo, o Refuxio de animais de Bando, está envolto en polémicas que acreditan a necesidade de mellorar a súa xestión.

O Consello Comarcal considera que estas necesarias melloras teñen que vir dende unha titularidade e xestión pública, nunca a través do falso dogma neoliberal da privatización, que coa escusa da eficiencia económica oculta, entre outras cuestións, maiores sacrificios de animais, pois o que interesa é o lucro privado non os dereitos dos animais.

Por suposto, mostramos a nosa preocupación pola mala xestión económica e contable que se está a facer no Refuxio, a cal provoca a devolución de cartos e o pago de xuros, a costa do benestar dos animais abandonados.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esperamos que as verbas da concelleira, María Castelao, sobre a busca dunha alternativa para reducir os custos do servizo, non sexan unha escusa do goberno do PP para levar a cabo unha nefasta e innecesaria privatización, enmascarando a pésima xestión e o inexistente control, por parte dos órganos políticos, do que está a suceder, dende fai anos, no Refuxio.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela ratificamos que a necesidade real e o obxectivo, que entre todos os colectivos de defensa de animais da cidade debese debater, é o de elaborar un plan global de actuación que acade as solucións que o Refuxio de Bando precisa.

Por iso reclamamos, por ser o seu labor, que o Concello de Santiago leve a cabo as necesarias xestións para abrir unha nova etapa no Refuxio de animais de Bando, procurando unha alternativa ética e eficiente, na que primen os dereitos dos animais sobre os asuntos económicos, e que se fiscalice debidamente a xestión do Refuxio.

No hay comentarios: