miércoles, 27 de febrero de 2013

Desbaldimento cultural



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DENUNCIA O DESBALDIMENTO CULTURAL QUE O PP ESTÁ A PROVOCAR NA CIDADE.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDE UNHA CULTURA DE BASE ALONXADA DA SINRAZÓN DA CIDADE DA CULTURA.
  
O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela sempre defendeu que o Concello debe acometer medidas que axuden a unha cultura de base activa, alonxada de enlousamentos innecesarios.

Por desgraza, ademais da presunta corrupción que atenaza ao Concello, o PP local está a destruír a cultura que debía fomentar, sendo unha das súas últimas aberracións a de “conseguir” a suspensión do festival AMAL.

Esta política destrutiva da cultura local, comezou xa con Conde Roa, que un dos seus primeiros “éxitos” como fugaz alcalde foi conseguir que a Sala Nasa pechara, provocando que, por exemplo, a Ultranoite, clara mostra de calidade da cultura galega, tivera que verse na obriga de emigrar ao Concello de Teo.

Mellor non recordar en demasía a Conde Roa e o que publicamente expuxo para censurar a actuación de Leo Bassi nun espazo público da cidade.

Mais non remata aquí a nefasta xestión cultural do Partido Popular pois, como parece habitual nos equipos de goberno desta cidade, a Sala Yago segue esquecida para a promoción de eventos culturais, esmorecendo día a día ante a impasible mirada dos gobernantes locais, máis dexesosos, parece, en agardar que a especulación urbanística faga uso dela antes de buscar o beneficio que a cultura supón á cidadanía.

E a todo isto, parece ser, que de momento temos que agradecer que as intencións mostradas de trasladar o museo Granell a CdC, quedaron aparcadas, mais nunca se sabe o que ante a ineptitude do equipo de goberno local do PP se pode agardar.

Por todo isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela demandamos que se abra un debate amplo co tecido cultural da cidade e galego, para acadar un plan de actuación que revitalice a cultura de base con propostas que a nosa cidade necesita.

Debate ao que EU se uniría coas propostas que levaba no seu programa electoral, tales como, entre outras, a creación de feiras de libros con periodicidade quincenal ou mensual, creación sala municipal de cine, creación da Universidade Popular, organización de roteiros culturais e outras moitas que se poderían seguir nomeando.

No hay comentarios: