jueves, 21 de febrero de 2013

Circo sen animais



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEMANDA QUE SANTIAGO DEFENDA O DEREITOS DOS ANIMAIS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE AO CONCELLO QUE PROHIBA CALQUERA ESPECTÁCULO QUE EXPLOTE ANIMAIS.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reivindica os dereitos dos animais e a loita contra o seu maltrato e explotación.

En España acontecen continuamente situacións de explotación e malos tratos aos animais: festas crueis coma a de “Toro de la Vega” ou as touradas, mal chamadas “cultura” polos sectores conservadores. Mais a tortura animal non ocorre só nestes espectáculos dantescos.  Os animais son maltratados a diario: abandono de mascotas, experimentación con fins cosméticos ou explotación de animais nos circos.

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela denunciamos que se permita na cidade un circo con animais.  Os circos sacan os animais do seu hábitat natural, téñenos amoreados en condicións de insalubridade e encadeados a maior parte do tempo, sométenos a situacións de estres continuado e a maltrato físico nos adestramentos.

Segundo un estudo de Animal Defenders International (ADI) os animais dos circos botan entre un 81-88% do seu tempo encadeados ou con apenas mobilidade, porcentaxe que alcanza o 98% nalgunhas especies como os cabalos e póneis.

Varias investigacións feitas por People for the Ethical Treatment of Animals (PETA) revelaron graves maltratos físicos nos adestramentos.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida presentou unha moción en xullo de 2010 na que se pedía que Santiago de Compostela se declarase cidade amiga dos animais.  Entre outras medidas, pedíase que se prohibisen as corridas de touros ou calquera outro espectáculo que   implicase sufrimento para o animal, que non se permitise a publicidade destes eventos na cidade e que se instase á Xunta de Galicia a prohibir estas prácticas de tortura.

Betanzos, Cangas, Dodro, Vedra, A Pobra do Brollón, Teo, Ares e Viveiro son vilas que xa deron o paso adiante e foron declaradas “vilas amigas dos animais”

En España máis dun cento de municipios -entre eles, Barcelona, Badalona, Palma de Mallorca e Puerto de la Cruz- modificaron a súa normativa municipal para prohibir os circos con animais, co obxectivo de procurar o seu respecto e protección.

É por iso que, unha vez máis, pedimos ao Concello de Santiago que dea tamén o paso para axudar a acabar co sufrimento destes animais.

No hay comentarios: