lunes, 21 de enero de 2013

Seguridade VS inoperancia



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA DEFENDE QUE O CONCELLO DEBE VELAR POLA SEGURIDADE DOS VECIÑOS E VECIÑAS.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA CRITICA A INOPERANCIA MOSTRADA POLO CONCELLO Á HORA DE EVITAR O RISCO QUE SUPUÑA O MURO DA RUA BETANZOS .

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esixe que o Concello cumpra coa súa obriga de velar pola seguridade da veciñanza de Santiago.

Entendemos que en ocasións as circunstancias meteorolóxicas fan inevitables que acontezan algúns accidentes posto que a forza da natureza pode chegar a ser imparable. Non entanto, outros incidentes, poden evitarse de actuar con dilixencia o Concello. É o que sucedeu na rúa Betanzos coa caída dun muro que, por fortuna, só ocasionou danos materiais. Un feito que demostra a inoperancia e a actitude neglixente do equipo de goberno do Concello.

Persoas afectadas pola caída do muro puxéronse en contacto co Consello Comarcal de Esquerda Unida e manifestaron o seu enfado debido a que levaban denunciando o perigo que supuña este muro dende o ano 2005.

Primeiro, expresando os seus temores a Mercedes Rosón do PSdeG e, coa entrada do novo goberno, a Juan de la Fuente, sen obter medidas efectivas que puxeran solución ao problema que denunciaran.

Solución en forma de instalación dunha valla metálica que o PP se viu abocado a tomar o pasado 8 de xaneiro, despois de que unha sentenza xudicial ditaminara que o muro era propiedade do Concello, valla que tralo acontecido se viu como insuficiente e xa se pensa nun muro de formigón.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos que a inoperancia mostrada polo goberno local, tanto do PSdeG como PP, neste tema non pode volver a ocorrer e apoiamos as xustas reivindicacións expresadas polos veciños e veciñas afectados.

Tal como acontece coas fincas sen limpar que, por exemplo, poden supoñer risco de incendio, o Concello leva a iniciativa pedindo a súa limpeza, e se non se efectúa, facéndoa el mesmo reclamando a posteriori o custe da súa actuación, esiximos dende o Consello Comarcal que o Concello elabore un estudo de situacións que poden supoñer un risco para a cidadanía e acometa un plan para garantir a súa seguridade.

No hay comentarios: