jueves, 10 de enero de 2013

Inversións cosméticas VS gasto social



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA O GASTO EN ACTUACIÓNS ESTÉTICAS PROXECTADAS POLO GOBERNO LOCAL DO PP

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA DEFENDE O USO DOS RECURSOS ECONÓMICOS EN ACTUACIÓNS SOCIAIS QUE VELEN POLO BENESTAR DA CIDADANÍA.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela defende que o compromiso vital de calquera Administración Pública e loitar por acadar ou velar pola prestación de servizos sociais públicos que a cidadanía demanda e precisa.

Todo sabemos que vivimos as consecuencias da crise-estafa perpetrada polas oligarquías financeiras, coa anuencia do PP, alumno aventaxado da doutrina ultraliberal, iniciada no seu día polo PSdG. Esta crise-estafa maniféstase a través de sucesivos plans de recortes que hipotecan non só os orzamentos e as actuacións do Concello como mínimo nunha década, senón tamén e sobre todo erosiona os dereitos fundamentais da cidadanía, condeada a vivir baixo o abafo económico. Por iso, o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que o goberno local debe ser moi coidadoso á hora de gastar o diñeiro público.

Tal e como xa expresaramos nas alegacións aos orzamentos do ano 2012, non consideramos prioritario o investimento de 411.766 euros na remodelación do parque de Ramírez ou agora os recentemente anunciados 120.000 para o estanque da Alameda, xa que, por moi importantes que se podan considerar estas actuacións, as urxencias de hoxe apelan a que os máis de 500.000 euros deben destinarse a gasto social.

Nunha moción presentada o 1 de decembro de 2011 xa consignamos que son precisas axudas para o pago da hipoteca ou do alugueiro a persoas en situación de emerxencia social. Ou ben podería dedicarse a crear a axencia pública municipal de aluguer que tería como obxectivo principal incentivar a posta a disposición da cidadanía de vivendas en réxime de aluguer social, tal e como figura na moción rexistrada o 14 de marzo de 2012.

Pero se, como supoñemos, para o goberno local do PP o gasto social non é unha prioridade, consideramos que, ante as actuacións anunciadas, sería un mellor uso dos cartos públicos o adecentamento das beirarrúas e estradas en diferentes barrios da cidade, que a día de hoxe presentan un lamentable estado.

No hay comentarios: