jueves, 22 de noviembre de 2012

Manifesto polo 25N



Contra os recortes en políticas de Igualdade e na loita contra a Violencia Machista


Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a violencia machista, no só non dá tregua senón que nos últimos tempos parece atopar un maior respaldo. Amparada polo goberno do Partido Popular e as institucións, a misoxinia expándese.

As mulleres sufrimos menores salarios en iguais traballos, maior pobreza, menos oportunidades, máis precariedade laboral, menores taxas de actividade recoñecida, responsabilidade dos coidados a dependentes, e escasa representación nos órganos directivos empresariais e políticos. Mentres continúan os asasinatos, escoitamos declaracións de altos cargos que incitan á violación, ameazase coa modificación regresiva da Lei do Aborto, continúan as sentencias xudiciais a favor do acoso sexual, mantense a desprotección e a falta de medios para a independencia das mulleres maltratadas e ameazadas, seguen as obscenas mostras de linguaxe institucional machista e as subvencións a centros educativos que segregan por sexos. Continúa, en definitiva, o desmantelamento de todo organismo e recurso público en prol da igualdade e a regresión nas actitudes das institucións que deberían dar exemplo.

No 2012 o número de mulleres asasinadas aumentou con respecto ao ano anterior, mais os orzamentos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero sofren un recorte dun 21,3%.  O Instituto da Muller e os Plans para Igualdade sofren tamén recortes superiores aos de outros ministerios. No entanto, o trato de favor á Igrexa Católica segue a aumentar.

A Xunta do PP suprime o SGI (Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller) desmantelando políticas de igualdade nun momento especialmente crítico para as mulleres.  Desde o ano 2007 a Comarca de Santiago carece dunha casa de acollida para as vítimas da violencia machista.
Quérennos converter en cidadáns de segunda onde dereitos tan fundamentais como decidir sobre as nosas vidas deberán ser tutelados, convertendo a maternidade nunha imposición, non nunha opción.
 Dende Esquerda Unida Compostela esiximos que a violencia machista sexa eliminada definitivamente das nosas vidas.  Esiximos, como é de xustiza:

            - A loita pola eliminación da violencia machista: maltrato psíquico, agresións físicas, violencia sexual. Tanto o Concello de Santiago, como outras Administración Públicas, centren os seus recursos económicos e humanos en extinguir esta lacra e asistir ás súas vítimas;

- a loita efectiva contra o acoso laboral e sexual;

            - a loita pola igualdade laboral: fin da discriminación salarial e da disparidade de oportunidades e dereitos;

            - e o dereito a decidir sobre o propio corpo.

En definitiva, a IGUALDADE!

jueves, 15 de noviembre de 2012

Valoración éxito 14N



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CONSIDERA UN ROTUNDO ÉXITO A FOLGA XERAL DO 14N.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA APOIARÁ AS MOBILIZACIÓNS QUE SE LEVEN A CABO PARA RACHAR COAS POLÍTICAS NEOLIBERAIS DE RECORTES QUE NOS LEVAN A MISERIA.

Unha vez máis a militancia de Esquerda Unida estivo nas rúas da cidade para loitar contra a sinrazón da Troika europea e interna que destrúe coas súas medidas os dereitos sociais e laborais da cidadanía.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela a folga xeral do 14 de novembro foi un rotundo éxito que acredita a necesidade de mudar as políticas neoliberais que levan a miseria a milleiros de persoas mentres permite o lucro desmedidos duns poucos.

Foron decenas de miles os veciños e veciñas que onte percorreron as rúas da cidade berrando en defensa dunha sanidade e educación públicas gratuítas e de calidade e clamando contra esa reforma laboral do PP que destrúe os dereitos laborais conquistados durante décadas de loita.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela compromete o seu apoio ás novas mobilizacións que se leven a cabo para rachar coas políticas conservadoras, faga quen as faga, e conseguir o cambio de modelo produtivo que necesitamos.

Por último  trasladar o noso parabén á cidadanía comprometida que saíu ás rúas a reclamar os seus dereitos e un futuro mellor, demostrando, unha vez máis, que a loita continua

martes, 13 de noviembre de 2012

Apertura centro comercial Cancelas



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA REITERA A NECESIDADE DE MUDAR O MODELO COMERCIAL DE SANTIAGO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA MANIFESTA A SÚA OPOSICIÓN Á CONSTRUCIÓN DE NOVAS SUPERFICIES COMERCIAIS NA CIDADE.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela ratifícase na necesidade de potenciar o pequeno comercio local e os circuítos curtos de distribución de produtos de proximidade.

É necesario mudar o sistema actual de distribución, que prima grandes superficies comerciais en mans de moi poucas multinacionais que, ademais, baixo o pretexto da desexada competitividade en prezos, levan a cabo políticas salariais e de horarios laborais gravemente lexivos para a clase traballadora.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, que manifestou a súa oposición á construción de novos centros comerciais, ante a inevitable apertura do centro comercial das Cancelas, consideramos que debe ser o último que se faga na cidade, e reclamamos ao equipo de goberno do PP que elabore un plan global en defensa do pequeno comercio local que revitalice aos barrios da cidade.

Queremos facer fincapé tamén nos argumentos falaces esgrimidos para a defensa da apertura deste centro comercial, tal como o baseado no suposto e inxente número de novos postos de traballo que se crearían, sen que se investiguen, en ningún momento, as condicións laborais dos mesmos.

Consideramos falaz este argumento pois, en moitos casos, simplemente supoñen o traslado de traballadores e traballadoras dun lugar a outro da cidade. Para mostra o traslado dos cines de Área Central ás Cancelas, onde previsiblemente semella que se vai trasladar o persoal de Fontiñas ao novo centro comercial, sen que represente creación de novos postos de traballo; o mesmo ocorre cos traballadores e traballadoras das tendas dunha multinacional textil que pecha as súas portas en Área Central para o seu traslado ás Cancelas.

Tamén é lamentable a argumentación esgrimida sobre a posibilidade de ocio que suporá para os veciños e veciñas este novo centro comercial, cando, pola actitude belixerante do PP contra a cultura, a cidadanía perdeu a opción de lecer formativo que supoñía a Sala Nasa, ou como a inoperancia do PP aínda mantén a día de hoxe pechada a Sala Yago.

Non esquezamos tampouco que este tipo de superficies comerciais, amais de seren perxudiciais para o pequeno comercio e as normas laborais, conlevan un significativo incremento de tráfico privado e, polo tanto, o aumento de contaminación tanto atmosférica como acústica que terá que soportar a veciñanza .

Por todo isto, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esiximos unha transformación total das políticas sobre a forma de entender o comercio na cidade que os distintos gobernos locais levaron a cabo, e propoñemos un novo modelo que priorice dende a Praza de Abastos até o pequeno comercio de barrio, promovendo canles curtas de distribución e beneficiando as redes comerciais de proximidade.

miércoles, 7 de noviembre de 2012

Xuntanza coa AV Pontepedriña



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA PROSEGUE AS REUNIÓNS CO TECIDO ASOCIATIVO DE SANTIAGO MANTENDO UNHA XUNTANZA COA AV PONTEPEDRIÑA.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA COMPARTE AS RECLAMACIÓNS VECIÑAIS RESPECTO Á SEGURIDADE VIARIA, A MELLORA DA ILUMINACIÓN E O ACONDICIONAMENTO DE ESPAZOS PÚBLICOS.

Os representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, José María Tubío e Vicente Vázquez, proseguindo co programa de reunións co tecido asociativo da cidade mantiveron unha xuntanza coa directiva da AV Pontepedriña.

No transcurso da xuntanza os representantes da AV manifestaron que dende a anterior xuntanza co Esquerda Unida, en abril do 2011, non se levaron a cabo a maioría das súas demandas para mellorar o barrio.

Unha das súas principais reivindicacións, que o Consello Comarcal de EU Compostela comparte, é a de abrir o barrio de Pontepedriña ao Ensanche grazas a un acceso peonil, aberto 24 horas, a través da estación do tren. Mais como é obvio este proxecto está parado debido á inoperancia do goberno local do PP, dado que a día de hoxe aínda non hai un proxecto definido de estación intermodal que faga posible elaborar o proxecto deste acceso até o Hórreo para os veciños e veciñas.

Tamén se reiterou a necesidade de mellorar a iluminación, tanto no troco de farolas en mal estado, por exemplo na rúa Boqueixón, como a necesidade de que a austeridade non poña en risco a seguridade dos peóns, como ocorre na rúa Clara Campoamor, onde por cada farola acesa hai dúas apagadas, o que provoca que as persoas que deban camiñar de noite por esta beirarrúa o fagan na penumbra existente.

Nesta rúa Clara Campoamor a AV, ademais de reivindicar que se controlen os excesos de velocidade existentes, expuxo a necesidade de que se realicen as obras necesarias para acondicionar o solar existente nesta rúa e que foi expropiado para darlle unha utilidade pública.

O Consello Comarcal de EU Compostela comparte as demandas feitas pola AV respecto a limpeza de solares e rúas, como por exemplo na rúa Vedra, a necesidade de solucionar o problema de insalubridade que provocan os edificios abandonados no barrio e de poñerlle remedio aos vertidos de augas fecais ao río Sar.

Por último, o Consello Comarcal velará porque se cumpra a promesa feita polo PP de acondicionar o parque infantil a carón do CSC e por procurar que se faga efectivo o uso público do quiosco situado no parque Eugenio Granell