viernes, 28 de diciembre de 2012

A "democracia" do PP



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA CRITICA A DESPÓTICA ACTITUDE DO PP LOCAL E AS SÚAS MEDIDAS ANTIDEMOCRÁTICAS

O CONSELLO COMARCAL DE EU ESIXE DESCULPAS PÚBLICAS DO ALCALDE POR PROHIBIR A ENTRADA ÁS PERSOAS NO PLENO DO CONCELLO

Un representante do Consello Comarcal de EU Compostela, como vén sendo habitual, acudiu ó Pleno público do Concello, mais nesta ocasión a policía local, seguindo segundo ela ordes do alcalde, impedía a entrada a todas as persoas que desexaban asistir á sesión plenaria.

É inadmisible a deplorable actitude antidemocrática do goberno do Partido Popular, pois sabedor de que persoas estafadas polas preferentes desexaban acudir ó Pleno, optou, como claramente espuxeron os policías apostados na porta de entrada, por prohibir a entrada de calquera persoa á sesión plenaria ordinaria que ía ter lugar, como sempre, o último xoves de cada mes.

Tanto medo ten o PP á liberdade democrática que, ademais do concelleiro do Bloque Rafa Vilar, até os medios de comunicación tiveron serios atrancos para poder entrar no Concello.

A parte de totalitaria e desprezable, a decisión do alcalde Currás é ilegal posto que, como claramente se especifica no regulamento, as sesións do Pleno son públicas até completar aforo, como se veu na obriga de recordarlle o secretario en plena sesión, polo que, para evitar problemas, o PP local viuse na obriga de facer o ridículo aínda máis permitindo a entrada de só cinco persoas afectadas polas preferentes, cando, segundo persoas asistentes a este Pleno había polo menos sete sitios baleiros que poderían ter sido ocupados pola cidadanía que desexaba estar presente.

Por todo isto dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela manifestamos a nosa total repulsa no tocante ao trato ditatorial demostrado polo alcalde de Compostela, moi acorde co seu talante ultraliberal, pois nin por decencia, despois de ter denigrado ás persoas que non puideron entrar ó Pleno, decidiu debater unha moción presentada polo Bloque sobre a estafa das preferentes.

Por último o Consello Comarcal de EU mantén firme o seu compromiso coas persoas que depositaron a súa confianza nesta organización e proseguirá co seu traballo municipal, con mocións, xuntanzas e outras medidas. Agardamos poder contalo directamente o vindeiro 31 de xaneiro desde o salón de plenos do Concello, sempre, claro está, que o señor Currás non volva a aplicar receitas propias da longa noite de pedra franquista que silenciaba calquera voz disonante ou discordante.

No hay comentarios: