lunes, 29 de octubre de 2012

Valoración Pleno outubro



VALORACIÓN DO PLENO DO 25 DE OUTUBRO DE 2012

Proseguindo co traballo municipal do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, o seu secretario de comunicación, Vicente Vázquez, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

Como é habitual en todos os Plenos comezouse pola protocolaria aprobación de actas, nesta ocasión foron dúas.

O terceiro punto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP e en contra do BNG e PSdeG, versaba sobre unha modificación puntual da ordenanza reguladora de publicidade e rotulación.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela “sorpréndenos” que unha ordenanza aprobada o pasado 26 de abril xa deba ser modificada, salvo que, como xa manifestaramos, esta ordenanza represente un pretexto para a liberalización total da publicidade na cidade, e polo tanto suxeita ás modificacións que as empresas publicitarias indiquen ó equipo de goberno.

Por suposto, estamos en contra desta ordenanza, e por tanto desta modificación, que por exemplo permite soportes publicitarios de até 24 metros, dobrando os 12 que ditaba a ordenanza en abril.

Entendemos que se debe regular a rotulación dos negocios e de certos soportes publicitarios, pero segundo criterios de racionalidade e non a liberalización que pretende o PP.

O cuarto punto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP en contra do BNG e coa abstención do PSdeG, tratou sobre a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza de ocupación e uso da vía pública.

Grazas a mobilización cidadá que esta polémica ordenanza xerou, conseguiuse que o texto aprobado onte sexa menos lesivo para a liberdade de expresión, dado que se conseguiu eliminar as taxas que se pedían pola colocación de mesas informativas.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela reiteramos o noso rexeitamento a esta ordenanza xa que, entre outros motivos, segue manténdose a discrecionalidade permitindo que o goberno local poida ser máis ou menos flexible segundo a asociación que pida as autorizacións. 

Rexeitamos tamén que para a realización de certos actos públicos na rúa esixa unha garantía - é dicir, o que con anterioridade se chamaba fianza- pois pode representar atrancos para as asociacións á hora de realizar a súa actividade ó aire libre.

O Pleno proseguiu coa aprobación, grazas ós votos a favor do PP e a abstención do BNG e PSdeG, dun expediente de modificación de créditos para a adquisición de mobiliario urbano, rematando este Pleno coa designación dun novo membro da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, con dous puntos de dar conta e un rogo do BNG.

No hay comentarios: