lunes, 2 de julio de 2012

Valoración Pleno xuño


VALORACIÓN DO PLENO DO 28 DE XUÑO DE 2012

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo co traballo municipal que os votos acadados esixen a esta organización, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O Pleno comezou, como é habitual, coa protocolaria aprobación da acta anterior, e coa unión dos puntos da orde do día 2, 4 e 5 sobre cuestións urbanísticas que foron aprobadas por unanimidade sen apenas debate, máis aló de pequenas cuestións técnicas.

Sobre os temas tratados nestes puntos dende o Consello Comarcal de EU queremos remarcar, outra vez, o noso posicionamento sobre a aprobación do derrubo da Casa da Mocidade, que apoiamos pero con dúas condicións.

A primeira é obvia, antes de levar a cabo este derrubo todos os servizos que se prestaban nela deberán ser ubicados noutro lugar e, por suposto, sen merma na calidade. O segundo condicionante é que apoiamos o derrubo deste edificio, pero non toleraremos que se utilice o feito de dar unha nova entrada ó parque de Belvís,  para ter unha nova escusa para voltar á tolemia de periféricos ou pasarelas que unan o parque coa CdC. xa que suporía un auténtico disparate que, por riba, tal como lle aconteceu a Zaragoza, onde o servizo de teleférico xa se suspendeu, significaría unha constante perda de diñeiro que a veciñanza compostelá non se pode permitir.

A continuación se tratou o punto 3 da orde do día, sobre a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM, que basicamente se utilizou para que comezase o ataque dialéctico entre PP e PSdeG, sen maior transcendencia que saír aprobado polos votos a favor do PP, en contra do PSdeG e a abstención do BNG.

Tras cumprir o trámite do punto sexto da orde do día, no punto sétimo aprobouse a petición do BNG para que no próximo Pleno comparecera a concelleira María Pardo para tratar o asunto da Finca do Espiño, sobre o cal o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela mantén firme o seu posicionamento de que nunca se deberá permitir a especulación urbanística nesta finca coa construción de pisos de luxo.

Por enésima vez nun Pleno, un dos puntos da orde do día, neste caso o oitavo, tratou sobre o aeroporto de Lavacolla a proposta do PSdeG, no que foi aprobado por unanimidade a petición de convocar a comisión especial do aeroporto.

Se ben se podería considerar que un punto aprobado por unanimidade non debería suscitar maior debate que marcar as posicións de cada grupo municipal, isto parece totalmente imposible cando a concelleira do PP Reyes Leis -como é case norma habitual nas súas intervencións- confunde a lexítima belixerancia para defender unha postura co uso dun ton e palabras fóra de lugar, totalmente inaceptable cando interrumpe a súa propia intervención para chamar a atención a concelleira do PSdeG Marisa del Río en vez de, no caso de ser necesario, dirixirse ó alcalde para que chame á orde como considere oportuno.

No tocante a este punto, dende o Consello Comarcal de EU Compostela remarcamos que, sobre todo, unha vez feito o dispendio no novo aeroporto se debe buscar solucións, debatidas coas institucións e axentes sociais, que por suposto non deben pasar por subvencionar aerolíneas.

O punto 9 da orde do día, desestimado polos votos en contra do PP, a favor do PSdeG e a abstención do BNG foi a proposta do PSdeG sobre o mantemento da feira de gando, sendo o noso posicionamento, feito xa público, que a feira debe quedar en Santiago, elaborando por escrito as condicións que fagan posible un acordo estable e duradeiro.

No décimo punto o BNG propuxo a contratación de grupos de Santiago e Galicia para a programación cultural e de festas, que foi desestimado polos votos en contra do PP e a favor do PSdeG e BNG, tras un debate bastante lamentable con chascarrillos sobre fotos con Luis Tosar ou Ivonne Reyes, entroutros argumentos.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela comparte que se incentive a contratación de grupos locais ou galegos para moitas das actividades que se levan a cabo no Concello, pero sen que supoña un impedimento para que a cultura do resto do Estado, europea ou mundial poida chegar á nosa cidade.

O Pleno rematou con varios puntos protocolarios de dar conta, unha pregunta do BNG e con tres mocións do BNG e dúas do PSdeG que non foron debatidas pois non pasaron o trámite de urxencia polos votos negativos do PP.

No hay comentarios: