miércoles, 13 de junio de 2012

Moción polo Día Internacional do Orgullo LGTBI

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión para reivindicar o Día Internacional do Orgullo LGTB.


Aquí tedes o texto da moción:


Esquerda Unida Compostela ten a defensa dos dereitos e liberdades das persoas como punto esencial de calquera das súas propostas programáticas.
                                                                                                    
O 28 de xuño de 1968 sucedéronse diversas revoltas en Stonewall (EE.UU.) para denunciar a criminalización a que estaban sometidas as persoas LGTB no país, por iso, neste día, se conmemoran reivindicacións que deben ser acollidas por políticas públicas por parte das institucións destinadas a velar polos dereitos destas persoas.

As fobias cara ás expresións da sexualidade consideradas “diferentes”, lonxe de desaparecer, continúan habitando en aulas, fogares, centros de traballo e ocio, e, por desgraza, tamén nas administracións e servizos públicos.

É necesario un recoñecemento a todos aqueles actores sociais vinculados ás loitas sociais, por seren os e as máximas responsables de que agora mesmo existan certos dereitos recoñecidos para as persoas LGTB, como tamén da existencia de iniciativas municipais e autonómicas que teiman en representar un compromiso coa loita colectiva pola igualdade e a liberdade real destas persoas.

A pesares de terse regularizado o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, ou aprobado leis como a chamada “lei de identidade de xénero”, queda moito camiño por percorrer, como demostran coa súa loita os movementos sociais.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro. Realizar unha denuncia explícita contra a homofobia, lesbofobia, bifobia e transfobia, así como expresar un compromiso claro de posta en marcha de medidas para erradicar esta lacra social.

Segundo. Instar ao Goberno central a que promova a despatoloxización das identidades transexuais e intersexuais, sen que os dereitos sexuais e sanitarios destas persoas se vexan prexudicados.

Terceiro. Apoiar a derrogación do Concordato de 1953 e os acordos de 1979 co Vaticano, así como a saída da asignatura de relixión das aulas.

Cuarto. Denunciar os recortes sociais, especialmente aqueles referidos a prevención e tratamento do VIH.

Quinto.- Defender unha educación pública, laica, gratuíta e de calidade quen de promover un espazo educativo onde reinen os valores democráticos e de convivencia.

Sexto.- Colaborar activamente na defensa da diversidade familiar, loitando contra as discriminacións que poidan sufrir as familias homoparentais e, por suposto, denunciando explicitamente o recurso de inconstitucionalidade imposto polo PP sobre os matrimonios entre persoas do mesmo sexo.

Sétimo.- Fomentar o asociacionismo LGTBI, así como atender as súas demandas.

Oitavo.- Dar traslado dos acordos ao Ministerio de Sanidade, Servizos sociais e Igualdade, á Consellería de Política Social e Igualdade e ao movemento asociativo LGTBI da cidade e da comunidade autónoma.

No hay comentarios: