jueves, 21 de junio de 2012

Moción habilitación espazos para animais de compañía

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presentou unha nova moción, nesta ocasión pedimos que se habiliten espazos para o espallamento dos animais de compañía onde non teñan que levar bozo e correa ou cadea, ademais de que se sitúen dispensadores de bolsas biodegradables e puntos de recollida para os excrementos.


Aquí tedes o texto da moción:

Esquerda Unida nas súas medidas programáticas defende a Declaración Universal dos Dereitos dos Animais, aprobada pola UNESCO e a ONU, que no seu artigo 5 establece o dereito que teñen os animais de compañía a vivir nunhas condición de vida e liberdade que sexan propias da súa especie.

Segundo a lei 1/93 de Protección dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade no ámbito da Comunidade de Galicia, os cidadáns posuidores de animais de compañía están obrigados a mantelos en boas condicións hixiénicas e sanitarias. Para un correcto desenvolvemento físico e psíquico do animal, este necesita saír ao exterior, facer exercicio e comunicarse con outros animais.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que aos propietarios/as de animais de Santiago resúltalles case imposible exercer este dereito e necesidade dos animais e cumprir o mesmo tempo o artigo 10 da Ordenanza Municipal para a Protección e Tenencia de Animais do Concello, no que se obriga a “Con carácter xeral nas vías e espazos públicos os cans deberán ir provistos de bozo e correa ou cadea. Exceptuarase desta obriga o suposto de zonas especialmente habilitadas polo Concello para o espallamento dos can”.

Hoxe en día en Santiago de Compostela existe unha grave carencia deste tipo de espazos. Os propietarios ou non poden achegarlle ao animal o exercicio adecuado ou arríscanse a ser sancionados, práctica habitual do Concello nos últimos anos, en que se tramitaron moitas multas a propietarios de cans (non perigosos) polo feito de telos sen correa en zonas verdes.

Como dixemos os espazos destinados polo Concello para este fin son case inexistentes ou en malas condicións, como sucede co habilitado, a principios de ano, no parque de Pontepereda, en Conxo, nunha situación lamentable (entre outros problemas, de pequenas dimensións para os cans do barrio e con ferros e aramios ao descuberto que chegaron a provocar feridas nos animais).

Dende o Consello Comarcal de EU Compostela solicitamos que se habiliten os xardíns ou parques públicos dos que fala a Ordenanza Municipal de Tenencia de Animais do ano 2003 para o espallamento dos cans da cidade. Estes espazos deben contar cunhas dimensións axeitadas, e deben estar sinalizados, como xa é o caso noutros municipios (Barcelona, Irún, Madrid, etc)

Isto non require acoutar zonas de uso exclusivo para mascotas. Os parques públicos poden ser habilitados en franxas horarias que garantan a convivencia.

Desde o Consello Comarcal de Esquerda Unida tamén solicitamos un servizo de disposición de bolsas biodegradables para facilitar a recollida de deposicións de animais de compaña. É conveniente a instalación de dispensadores de bolsas para residuos caninos en diferentes puntos da cidade, en parques e zonas nas que os veciños acostuman pasear os seus cans (O Campus, Alameda, Parque de Bonaval, etc.) e a súa reposición de bolsas mensualmente. Desta forma o Concello promove e facilita o comportamento cívico da veciñanza para erradicar este tipo de residuos das rúas e parques da cidade.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Realizar un estudo das zonas da cidade susceptibles de ser habilitadas como zonas verdes, segundo as necesidades de cada barrio, restruturando parques e xardíns xa existentes que polo seu tamaño permitan o correcto espallamento dos animais.

Segundo.-Habilitar para o vindeiro orzamento unha partida que permita cubrir os gastos para habilitar e sinalizar as mencionadas zonas coa maior brevidade posible.

Terceiro.- Situar dispensadores de bolsas biodegradables e puntos de recollida para os excrementos.

No hay comentarios: