martes, 26 de junio de 2012

Acordo para a feira de gando


O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA MANTÉN FIRME O SEU APOIO A QUE A FEIRA DE GANDO SE CONTINÚE LEVANDO A CABO NO CONCELLO DE SANTIAGO.

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA ESIXE O GOBERNO LOCAL DO PP UN ACORDO POR ESCRITO NO QUE SE ESTABLEZAN AS CONDICIÓNS PARA A CELEBRACIÓN DA FEIRA EN SANTIAGO.

O Consello Comarcal de EU Compostela defende os circuítos de proximidade para unha comercialización sustentable e oponse ás deslocalizacións.

Por iso o Consello Comarcal de Esquerda Unida se opuxo á neglixente intención do PP de arrebatar a feira de gando á Santiago, participando, desde o seu inicio, da Plataforma Cidadá de apoio á feira de gando.

Como é máis que evidente o goberno local do PP está a levar unha política errática e incoherente respecto a feira en Amio, que provoca que, unha vez máis, sexa necesario a mobilización cidadá para atallar os problemas que xera o equipo de goberno do señor Currás.

Para o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela é necesario, dunha vez, que o PP queira dialogar realmente cos distinto colectivos afectados, para acadar unha solución que permita, de forma permanente e estable, a celebración da feira de gando no noso municipio.

Entre as moitas propostas que a Plataforma expuxo ó alcalde, e que o Consello Comarcal comparte para lograr un acordo por escrito, como mínimo para esta lexislatura, que de a tranquilidade necesaria, é que se reflicta claramente que a feira de gando sempre se celebrará no municipio de Santiago. Se non puidera, chegado o caso, ser en Amio, o Concello habilitaría outro recinto para a súa celebración.

Tamén, como mostra do claro interese dos gandeiros e tratantes por chegar a un acordo firme, se propuxo ó alcalde que, trala pertinente elaboración dun calendario anual de usos, se por un acontecemento non previsto neste calendario, e como moito unhas dúas ou tres veces o ano, estarían dispostos a aceptar trocar de día, ou non celebrar nesa semana a feira, sempre e cando se acredite esa necesidade e se avise co tempo suficiente, mínimo un par de meses.

Por todo isto, dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela esiximos o goberno local do PP que mostre claramente cales son as súas intencións, reclamando que, tralo diálogo pertinente, se chegue a un acordo por escrito cos distintos grupos municipais para elaborar un acordo estable que permita a celebración da feira de gando en Santiago.

No hay comentarios: