lunes, 2 de abril de 2012

Moción participacións preferentes

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos ó Concello que inste o goberno do Estado a velar polos dereitos dos pequenos aforradores prexudicados polas participacións preferentes.


Aquí tedes o texto da moción:


O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que, amén de prestar os servizos públicos necesarios, o Concello debe velar polos dereitos da cidadanía e actuar contra os prexuízos que poidan ter.

A comercialización de produtos financeiros de alto risco supón unha das fontes de prexuízos para os pequenos aforradores, que sen a información e coñecemento necesarios, expóñense a sufrir quebrantos no seu aforro a costa do xogo estéril que as entidades financeiras practican con engano. No caso das participacións preferentes as entidades bancarias as ofreceron mentindo sobre o seu carácter especulativo e perigoso, contando delas  que eran un produto de aforro.

As directivas comunitarias 2004/39/CE, relativa aos mercados de instrumentos financeiros; a 2006/73/CE, sobre requisitos organizativos e condicións de funcionamento das empresas de investimentos; e a 2006/49/CE, de adecuación do capital das empresas de investimentos e entidades de creto, xa forman parte do ordenamento xurídico estatal pola Lei 47/2007, do Mercado de Valores. Estas normas tentaban no seu texto protexer aos pequenos investidores respecto de produtos financeiros complexos e altamente especulativos; de feito o título sétimo das Normas de Conduta prescribe un comportamento dilixente e transparente no interese dos clientes, asemade de requirir que toda a información que se lles de a estes terá que ser  imparcial, clara e non enganosa.

Os clientes das participacións preferentes, en boa medida pequenos aforradores, amosaron nos test de conveniencia un fondo descoñecemento dos produtos financeiros, así como a vontade de non mercar produtos con risco. Diversas entidades financeiras fixeron caso omiso da verdadeira natureza deste produto e mentiron aos seus clientes contándolles que as participacións preferentes eran instrumentos sen risco, garantidos e con inmediata liquidez en caso de necesidade. Temos que denunciar, como xa fixo o Grupo Parlamentar de IU no Congreso nunha Proposición Non de Lei, que nin a Comisión Nacional do Mercado de Valores nin o Banco de España supervisaron a actuación destas entidades para que fora conforme aos tests  da Directiva 2004/39/CE.

O paquete de medidas pretendidamente regulamentadoras do sistema financeiro coñecido como Basilea 111 deixa a porta aberta a que a entidade financeira garanta o capital inicial do cliente, asumindo as perdas que no seu caso puideran derivarse das especulacións do mercado. Circunstancia que desgraciadamente algunhas entidades bancarias do Estados se negan a pór en práctica a pesares das xigantescas inxeccións de cartos públicos recibidas polos Gobernos  ZP e de Rajoy.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado a  que de xeito coordinado coa CNMV revise aos test de conveniencia,  ao obxecto de que  o contrato de subscrición de participacións preferentes  ou doutros  produtos semellantes resten sen efectos legais,  no caso de que non foran produtos axeitados ao perfil de coñecemento das persoas contratantes  ou non se adecuaran aos riscos que estas persoas  manifestaban estar dispostas a asumir.

Segundo.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado a que coordine co Banco de España as accións oportunas  que garantan a devolución do capital inicial a todas as persoas  que subscribiron participacións preferentes, logo de manifestar un perfil de investidor de baixa tolerancia ao risco. 

Terceiro.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado a desenvolver todas aquelas medidas necesarias  para que as entidades financeiras deixen de incumprir as Normas de Conduta previstas no Título VII da Lei 47/2007,  de 19 de decembro, pola que se modifica a Lei 24/1988, de 28 de xullo, do Mercado de Valores.

Cuarto.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado a sancionar ás entidades financeiras que vulnerasen a lei ignorando os requisitos legais para comercializar  produtos financeiros de alto risco, caso das participacións preferentes.

Quinto.- Que o Pleno do concello de Santiago inste ao Goberno do Estado  a que no vindeiro período de sesións presente un proxecto de lei de transparencia e calidade  na comercialización dos produtos financeiros.

No hay comentarios: