viernes, 20 de abril de 2012

Marcha reivindicativa en defensa da CRTVG

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela vos informamos, e vos animanos a participar, na convocatoria dunha marcha reivindicativa convocada polo Comité Interempresas da CRTVG que, baixo o lema “NIN REPRESIÓN NIN MANIPULACIÓN” terá lugar o vindeiro sábado, 21 de abril, con saída, ás 11.30 horas do Pazo de Congresos de Santiago e remate ás portas da CRTVG en San  Marcos.

Aquí tedes o manifesto da convocatoria:

O pasado día 30 de marzo máis dun cento de afectados polo que se coñece como “estafa das participacións preferentes” ocuparon as instalación da CRTVG en San Marcos para denunciar a ocultación do conflito que lles afecta dende este servizo público.

No transcurso da ocupación, a representación sindical asumiu un papel de mediación e diálogo, tratando de manter en todo momento o carácter pacífico da ocupación e evitar o enfrontamento entre o cadro do persoal e os afectados e afectadas.

Mentres isto acontecía, o Director xeral da CRTVG abandonaba o edificio pola porta de atrás, facendo deixazón absoluta das súas funcións como responsábel último do ente público.

Por se isto fose pouco, ao día seguinte dos feitos, o mesmo Director xeral resolveu abrir un expediente informativo para depurar responsabilidades entre as traballadoras e traballadores do servizo xa que, segundo indicou, a ocupación das instalacións non tería sido posíbel sen a “colaboración, activa ou pasiva, de persoal propio da CRTVG”.

Porén, a única responsabilidade neste e noutros conflitos ven dada por unha dirección ao servizo do goberno de quenda, máis preocupada en ocultar os conflitos sociais que en dar unha información veraz e plural á que o pobo galego ten dereito.

Esta política informativa está a poñer en continuo risco a integridade moral e física dos e das profesionais dos medios públicos, sobre todo nas situacións de maior impacto social (como xa ten acontecido nos casos das vacas tolas, o Prestige, o mal chamado decreto do plurilingüismo ou máis recentemente a folga xeral do 29 de marzo), cando a crítica pola evidente manipulación informativa se transforma en indignación social.

Mais para enmascarar a realidade dos feitos, o Director xeral da CRTVG dálles radicalmente a volta e acusa a traballadoras e traballadores de ser cómplices do asalto ás instalacións da CRTVG en San Marcos, xustificando así a apertura dun expediente informativo no que se entrevén trazos represivos que buscan atemorizar ao cadro de persoal e  afogar as voces discrepantes dentro da empresa.

Contra esta práctica represiva, mais tamén contra a manipulación informativa que está na orixe do acontecido o 30 de marzo, chamamos á mobilización do conxunto da sociedade galega. Esiximos a retirada inmediata do expediente informativo e o cese da persecución a traballadores e traballadoras e á súa representación sindical. Mais tamén reclamamos que o ente público cumpra coa función social para a que foi creada, que non é outra que dotar ao pobo galego da información veraz, plural, obxectiva, neutral e independente que precisa. Só así poderemos asegurar que  feitos como os actuais non  volvan a repetirse no futuro.

NIN REPRESIÓN NIN MANIPULACIÓN.

No hay comentarios: