domingo, 26 de febrero de 2012

Valoración Pleno febreiro

O representante do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, Vicente Vázquez, proseguindo o traballo municipal, que a responsabilidade dos votos acadados esixe a esta organización, acudiu ó Pleno para valorar o que alí se faga ou diga.

O Pleno comezou, como en todas as ocasións, coa protocolaria e sen debate aprobación dos dous primeiros puntos da orde do día, un sobre as actas anteriores e outro sobre a aprobación definitiva do Plan parcial do solo urbanizable do Monte do Seixo, isto último coa abstención do BNG.

Foi co terceiro punto da orde do día co que se comezou o debate entre as distintas grupos políticos representados no Pleno. Mais dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela antes de entrar na valoración e proposición das súas medidas, quere deixar constancia de que, tralos meses de nova lexislatura municipal, xa vai sendo hora de que o regulamento de quendas de palabra sexa coñecido polo alcalde e o secretario, e non perpetuar os que xa parecen sempiternos debates, que interrompen o normal discorrer do Pleno, sobre se hai máis ou menos tempo ou réplicas que poder facer.

Este terceiro punto trataba sobre a suspensión da encomenda de xestión a EMUVISSA do SUNP11 do Castiñeiriño, que foi aprobado polos votos a favor do PP e en contra do BNG e PSdeG. Aínda que poidamos concordar na crítica que se pode facer á mala xestión urbanística do bipartito, non compartimos en absoluto as medidas que está a tomar o goberno local do PP para atallar o problema da vivenda na cidade. No tocante ao exposto no Pleno, se ben non dubidamos que o anterior equipo de goberno puidese gastar excesivos cartos en absurdas inauguracións con carpas, caterins e demais, o Consello Comarcal de EU Compostela non comparte en absoluto a estratexia do señor Conde Roa de falar de contas pouco claras, e de preguntar en voz alta onde están máis de dous millóns de euros, deixando no ar, pero sen querer dicilo, o tema da corrupción, malversación de fondos públicos e outras lindezas. Se o alcalde ten algo que dicir sobre este tema que o faga con probas e nos xulgados, o Pleno non está para elucubracións ou estratexias políticas de difamar por difamar.

Unha vez máis, os tres grupos políticos non realizaron propostas. Só contribuiron a un debate estéril, con abundante demagoxia. A veciñanza de Compostela sabe que o posicionamento de Esquerda Unida Compostela en defensa dunha política pública de vivenda é claro. Entroutras medidas, defendemos a creación dunha axencia de aluguer municipal, que promova o alugueiro social en toda a cidade, e non perpetúe este sistema especulador co solo.

O cuarto punto da orde do día sobre o ITE, o que en verbas terreais se entende coma a ITV dos edificios, parecía un punto anecdótico na orde do día pois á exposición inicial da señora Pardo do PP, seguiron intervencións, tanto do BNG e PSdeG, mostrándose totalmente a favor, e facendo pequenas achegas para mellorar o escrito, suscitou por mor da segunda quenda de palabra para o PP, un novo ataque e cruce de acusacións entre os distintos partidos.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela, amais de concordar no voto favorable a esta ordenanza reguladora, basicamente porque é un cumprimento dunha obrigación legal para calquera Concello, queremos manifestar a nosa crítica á actitude que mostran claramente, Pleno tras Pleno, o PP e o PSdeG, e en moita menor medida o BNG, de utilizar os diferentes puntos da orde do día para, literalmente, atacarse verbalmente con vehemencia e, en moitas ocasións, co mero argumento, denigrante para a democracia e puramente demagóxico, tan simple como pueril, e ti máis e ti peor, e de supoñer que o debate ideolóxico e programático é moito pedir para os representantes institucionais da veciñanza .

O quinto punto da orde do día aprobouse sen debate cos votos favorables do PP e a abstención do BNG e PSdeG, versaba sobre a designación de representantes para unha comisión mixta.

O sexto punto da orde do día, aprobado cos votos a favor do PP e do PSdeG e en contra do BNG, trataba sobre a proposta da Alcaldía de designación de novas rúas na cidade.

Sen entrar, como tampouco se fixo no Pleno, na idoneidade dos nomes presentados dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos remarcar varias cuestións, en primeiro lugar, recoñecendo que tanto ao PP, ao PSdeG e ao BNG lles interesa pouco por non dicir nada, queremos manifestar, unha vez máis, que a participación cidadá no día a día do Concello ten que ser, amais de permitida -que de facto non o está-, promovida, e unha das medidas máis sinxelas e que non levaría moito traballo, sería que os propios veciños e veciñas da cidade elevaran ó Concello para o pertinente debate os nomes que se poderías outorgar as novas rúas da cidade. Unha das eivas máis grande é a masculinización do rueiro proposto polo PP e a escasa representación de mulleres. E mulleres, hainas. Outra cousa será ter a vontade política de contribuír a dar visibilidade ao seu legado.

Tamén desexamos recalcar dende EU Compostela a nosa proposta, xa presentada en forma de moción, para que en Santiago se designe a unha rúa como Profesor Herminio Barreiro.

Proseguindo coa orde do día o seguinte punto a tratar foi a proposición do PSdeG sobre a modificación da Lei Hipotecaria, para permitir a dación en pago e unha moratoria para deter os desafiuzamentos. Non foi aprobada polos votos en contra do PP.

Dende o punto de vista do debate, sen entrar en valoracións dos argumentos expostos, foi dos máis correctos do Pleno facendo, por exemplo, dende o PP unha proposta de modificación dos acordos para fora aprobada por unanimidade, que o PSdeG rexeitou.

Dende o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela queremos manifestar, sen entrar a valorar as argumentación dadas, que nin o PSOE, que nada fixo por este tema cando ZP gobernaba, nin o PP, que agora con Luis de Guindos fan unha proposta sobre a dación que deixa na “boa vontade” dos bancos que se permita ou non, poden utilizar o Pleno de Santiago para maquillar o seu axeonllamento ante ditados neoliberais dos mercados.

O oitavo punto da orde do día, aprobado por unanimidade, foi a proposta do BNG para mellorar a promoción do Camiño de Santiago, e se ben podería parecer que un punto tan xenérico como a promoción do Camiño de Santiago e por riba aprobado por unanimidade, podería ser, como parecería lóxico, un mero punto de trámite, no que se faga público o posicionamento de cada partido político, pero sen entrar en maiores debates, converteuse, como xa é normal nos Plenos, nun novo debate demagóxico da crítica pola crítica, e ningunha construtiva, remarcando dende o Consello Comarcal de EU Compostela que cando por parte do PP toma a palabra a concelleira Reyes Leis, ademais da belixerancia, que non ten porque ser mala, se se fai dende o respecto e con argumentos, engádese a belicosidade desta representante do PP, que se ben nesta ocasión estivo algo máis moderada nas súas verbas, é habitual que recorra a innecesarias expresións e xestos.

Tras aprobar a declaración institucional polo 8 de marzo, o Pleno proseguiu con diferentes puntos sen apenas debate, sobre todo os relativos a dar conta de diferentes cuestións ate chegar a un rogo do PSdeG que ben podería haber quedado na mera exposición do rogado pero que deu lugar a un comportamento lamentable por parte da bancada do PP.

O Rogo en cuestión era sobre o mal estado da igrexa de Santa Susana e dos arredores, opinando dende o Consello Comarcal que a igrexa a debe arranxar a institución católica e, por suposto, o parque público o Concello, mais un mero trámite como este rogo, acabou cunha argumentación por parte do PP, que amén de causar moita hilaridade na súa bancada, fíxose mención despectiva festas de indixentes e a posible asistencia do concelleiro Baqueiro.

Por tal motivo compartimos a recriminación feita polo concelleiro do PSdG, Benardino Rama, á actitude do PP neste punto, e se ben cremos que os Plenos deben ser distendidos, o que non se pode tolerar e que se tomen como unha “carallada”.

O Pleno rematou co debate de dúas mocións, unha sobre a ILP en defensa da sanidade pública, non aprobada, outra sobre Rosalía que si se aprobou e por último non se aprobou a urxencia para debater mocións sobre os prezos das escolas infantís, a reforma laboral e o 8 de marzo.

No hay comentarios: