jueves, 9 de febrero de 2012

Moción atención no parto

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos que o Pleno inste a mellorar a atención no parto que se leva a cabo no CHUS, excesivamente medicalizada ou con intervencións innecesarias, reclamando que se recolla diferentes opcións para o parto (incluída a inmersión), liberdade de movementos durante a dilatación e o consesuamento no uso de fármacos ou de actos cirúrxicos ben cuestionados por estudos pertinentes.


Aquí tedes o texto da moción:

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela considera que se debe humanizar a atención ó parto, asegurando ás mulleres o dereito a participar na toma de decisións e que estas sexan respectadas sempre que non comprometan a seguridade e benestar da nai e da criatura.

Na Estratexia de Atención ao Parto Normal do Ministerio de Sanidade e na Guía Técnica do Proceso de Atención ao Parto Normal e Puerperio do Sergas incídese nas recomendación feitas pola OMS (Organización Mundial da Saúde), dende o ano 1985, co obxectivo de procurar unha maior calidade na atención ao parto.

Como se recolle na Guía Técnica do Ministerio nos últimos anos a atención ao parto veuse afectada por unha excesiva medicalización así como a realización dalgunhas prácticas rutinarias que son innecesarias e que están hoxe contraindicadas.

Na actualidade, según constatou Esquerda Unida Compostela, no Hospital Clínico de Santiago de Compostela non se están a cumprir as directrices marcadas na atención ao parto. Séguense a realizar de forma rutinaria intervencións innecesarias, obsoletas, molestas e desaconselladas para a saúde da nai máis da crianza, como, entre outras, non permitir que a xestante teña liberdade de movemento durante a dilatación, a episiotomía rutinaria, o emprego abusivo da oxitocina e a imposición da posición materna durante o expulsivo.

Esta situación leva a moitas mulleres da comarca de Compostela a desprazarse a outro hospital para conseguir unha asistencia ao parto segundo a normativa vixente.

O Consello Comarcal de EU Compostela considera que tampouco se está a asesorar ás interesadas sobre os diferentes plans de parto e o dereito a decidir sobre as distintas alternativas, aínda habendo un Hospital da rede Pública (o do Salnés), onde si se cumpren as recomendacións dos distintos Organismos sobre a adecuada Atención ao Parto Normal e Puerperio, restrinxido a xestantes sen complicacións pola falla dunha Unidade de Coidados Intensivos para Neonatos.

Entendemos que o CHUS, dotado de dita Unidade Especial, si que deberá proverse dun plan de Parto Normal que recolla diferentes opcións posicionais para o parto (incluída a inmersión), de liberdade de movementos durante o período de dilatación e de consensuamento no uso de fármacos ou de actos cirúrxicos ben cuestionados por estudos pertinentes.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- Que o Pleno inste a Consellería de Sanidade para que no hospital de Santiago de Compostela se proporcione unha atención ao parto de calidade e segundo a normativa vixente.

No hay comentarios: