viernes, 20 de enero de 2012

Moción fomento hortos urbanos

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela presenta unha nova moción, nesta ocasión pedimos que se fomente, de forma real e efectiva, os hortos urbanos da cidade.


Aquí tedes o texto da moción:

No momento actual de crise ambiental e económica, Esquerda Unida Compostela considera necesarios novos procesos de recuperación do espazo urbano que melloren a sustentabilidade integral das cidades, tanto a nivel ecolóxico como relacional.

Os hortos urbanos son instrumentos que responden a este requerimento pois colaboran e achegan unha maior calidade de vida á cidadanía, mais dende o Consello Comarcal de EU Compostela consideramos que o Concello de Santiago non levou nin leva a cabo as medidas necesarias para potenciar e acrecentar o seu uso.

Os obxectivos principais dos hortos urbanos son a recuperación de espazos urbanos, a educación ambiental e a creación de lugares para a socialización, e despois do debate pertinente co tecido asociativo poderíanse destinar a segmentos concretos da poboación, como xubilados, desempregados ou a persoas en situación de exclusión social, co fin de mellorar a súa situación.

Dende EU Compostela consideramos que a nosa cidade cumpre os parámetros sociais e ambientais para fomentar este tipo de experiencias de hortos urbanos e ocio a pequena escala, e non abandonar este proxecto a unha mera excepcionalidade como ocorre na actualidade, deixando á vontade persoal do arrendatario temporal do terreo facer un uso eficaz e efectivo do mesmo.

Estes hortos urbanos, poderían cumprir unha función social como fomentar cursos ocupacionais para desempregados en actividades de agricultura ecolóxica e actividades lúdicas para maiores e xóvenes. Tamén poderían cumprir unha importante función ambiental como a recuperación de zonas urbanas degradadas, fomento de boas prácticas ambientais saudables e unha importante función cultural como recuperar o noso legado patrimonial natural e histórico, como recuperar vellos oficios e modelos de agricultura extensiva.

En cidades como Barcelona y Sevilla estas experiencias foron pioneiras e están recibindo un importante apoio institucional, constatando que en tempos de globalización, contaminación, velocidade e consumismo moitos cidadáns e cidadás optan por volver a poñer as mans na terra, Unha tendencia que enlaza co aumento da agricultura ecolóxica e consumo de produtos locais.

Por suposto o Consello Comarcal de EU Compostela considera imprescindible para o éxito desta iniciativa abrir o debate e a colaboración con outras administracións, organizacións agrícolas e sociais para fomentar e garantir o éxito deste tipo de experiencias.

Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de

ACORDOS

Primeiro.- O Concello de Santiago de Compostela realizará unha aposta decidida polo fomento e promoción dos hortos urbanos na cidade.

Segundo.- O Concello de Santiago de Compostela realizará un proceso de debate e participación cidadá para buscar a implicación e colaboración de entidades sociais, agrícolas e ecoloxistas para fomentar os hortos urbanos.

Terceiro.- O Concello de Santiago de Compostela realizará un catálogo de terreos públicos e privados aptos para poder realizar esta actividade lúdica e ambiental.

No hay comentarios: