viernes, 25 de noviembre de 2011

Valoración Pleno de novembro

Proseguindo co seu compromiso coa cidadanía que deposita a súa confianza nesta organización, ratificados co excelente resultado electoral tanto en maio, no que unha lei electoral inxusta impediu que Xabier Ron representara a EU no Concello, coma os máis recentes do 20N con máis do 5% de votos, representantes do Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela acudirán ós Plenos para valorar o que alí se faga ou diga.

Nesta ocasión cabe destacar que o Pleno comezou con retraso, e cando comezou non foi presidido polo actual alcalde, posto que chegou con máis retraso todavía, sendo a explicación máis plausible, aínda que non confirmada, que se esquecera do cambio de horario do Pleno das seis da tarde ás cinco e media.

No tocante ao transcurso do Pleno comezou con consenso unánime nos primeiros puntos da orde do día, sen maior debate que ratificar o posicionamento a favor dos distintos grupos municipais en temas protocolarios de actas, modificacións urbanísticas no SUP5 e desestimación de recursos de reposición.

O máis relevante do que aconteceu no resto do Pleno foi en primeiro lugar o debate da proposición do PSdG sobre a creación da comisión municipal de absentismo escolar, sendo desestimada cos votos en contra do PP, a abstención do BNG e a favor do PSdG.

Dende EU Compostela consideramos que o decrecemento que se está obter no tema do absentismo é, sobretodo, grazas a vontade do profesorado, e en relación a proposta do PSdG cremos que, existindo órganos educativos xa creados, coma o Consello Municipal de Educación, sería preciso canalizar desde este Consello os traballos de seguemento sobre o tema do absentismo e sobre outros relacionados co ensino público. Diríamos que é preferible dinamizar e poñer a funcionar ben o xa existente que crear novas estruturas.

O punto que máis controversia suscitou foi a proposta do PSdG sobre celebrar vodas civís os sábados pola tarde, proposta que contaba co apoio do BNG, pero que foi desestimada cos votos en contra do PP.

Sobre este punto dende EU Compostela queremos reflictir que no debate realizado o PP recorreu á demagoxia ao utilizar o argumento de non ter cartos para pagar as horas extras, mencionando expresamente a unha traballadora alí presente para cimentar o seu argumento, obviamente acusando ao anterior equipo de goberno de deixar o orzamento para horas extras totalmente esgotado. Concluíndo a súa argumentación coa pueril escusa de que se realizaban vodas un sábado pola tarde tamén habería que abrir o rexistro por se alguén quería consultar planos...
Dende EU Compostela consideramos que, dado a vida laboral da maioría da veciñanza, o sábado pola tarde é unha data concorrida para poder levar a cabo o casamento, e posto que unha labor do Concello debe ser prestar un servizo que a cidadanía reclama, consideramos que como mínimo o sábado pola tarde debería darse este servizo, excluíndo se non é posible domingos e festivos, por suposto, acorde á capacidade económica de cada parella, facer unha progresividade nas taxas a pagar.

O punto que espertou máis coincidencias, aprobado por unanimidade, foi a proposta de derrubo da Casa da Xuventude, que EU Compostela tamén apoia, sempre que antes deste derrubo todos os servizos que alí se prestaban teñan outra ubicación operativa, que, segundo verbas do alcalde, parece estar entre dous emprazamentos preto do Campus Sur. Dende o Consello Comarcal de EU Compostela tamén queremos remarcar que unha mellor planificación das actuacións urbanísticas por parte do Concello evitaría recorrer a este tipo de medidas.

Onde EU Compostela se mostra totalmente contraria a decisión tomada polo Pleno do Concello, cos votos a favor do PSdG e PP e a abstención do BNG, é coa petición que o Concello de Santiago fará a Xunta de Galicia para que no 2014 se retome a construción dos edificios da CdC que aínda quedan por construír. A postura de EU Compostela é que NON se debe proseguir coa edificación de ningún edificio máis. O xa existente debe servir para aforrar gastos en dispersión administrativa. Remarcamos que a cultura non debe estar enlousada en grandes mausoleos e si na rúa ou en pequenos espazos achegados á cidadanía, polo que a argumentación do BNG de planificación cultural da CdC, mencionando unha pinacoteta, parécenos unha mera excusa para xustificar o desbaldimento de recursos que supón a Cidade da Cultura e tamén para non se posicionar sobre este aspecto. Pensar en rematar o mausoleo, precisamente cando lles escoitamos de forma permanente que non hai diñeiro e que hai que recurtar, cando apretan o cinto da cidadanía con políticas de axuste, seméllanos unha enorme aberración insistir no remate dos edificios que restan. Estase xustificando o inxustificable. A CdC, xa desbalde recursos inxentes, pero, de rematarse, esta partida sería cáseque letal para os axentes da cultura de base que ollan como os seus proxectos esmorecen por falla de recursos...precisamente por parte das administracións públicas...que prefiren xogar a seren “deuses” no cumio do desbaldimento a seren xustos e redistribuir o “pouco” que din ter de forma equitativa. Fronte a unha CdC cabe antes a recuperación dos espazos culturais propios da cidade: Sala Yago, Sala Nasa, etc.

O Pleno concluíu con temas menores sen maior relevancia que seguir a orde do día marcada.

jueves, 24 de noviembre de 2011

Comunicado polo 25N

ESQUERDA UNIDA COMPOSTELA APOIA ÁS REINVINDICACIÓNS DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA CARA ÁS MULLERES.



O CONSELLO COMARCAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA A TODAS AS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS A DOTACIÓN DOS RECURSOS MATERIAIS E HUMANOS NECESARIOS PARA FACER EFECTIVOS OS PLANS DE IGUALDADE.

Esquerda Unida Compostela reitera o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero, recalcando unha vez máis que unha das medidas máis efectivas é o fomento dunha educación fundamentada en valores como a igualdade, a non discriminación e o respecto.

O Consello Comarcal de EU Compostela, ratificando este compromiso contra a lacra do machismo, presentara unha moción, o pasado 25 de novembro de 2011, reclamando unha casa de acollida, recibindo con satisfacción o recente anuncio da súa creación, mais sempre alerta para velar pola súa titularidade e xestión pública e, por suposto, pola súa eficacia e eficiencia.

Tamén, proseguindo co noso ideario baseado en que a mellor forma de acadar a necesaria igualdade de xénero é a educación, presentamos o pasado 8 de febreiro de 2011 unha moción para a creación da Casa das Mulleres, un espazo público aberto a participación individual ou en colectivos, no que as persoas poidan debater e reflexionar para a consecución da igualdade real entre mulleres e homes.

Por último o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela lamenta a morte de mulleres perpetrada pola man machista, tanto ten o número, porque sempre será un número elevado que demostra, por desgraza, que aínda queda moito por facer. Por iso, reclamamos, unha vez máis, neste día internacional contra a violencia machista, que tanto o Concello, como outras administracións públicas, e por suposto de toda a cidadanía, se erixan en fronte común contra o machismo e a cultura patriarcal que impregnan aínda a nosa sociedade.

martes, 22 de noviembre de 2011

Valoración resultados electorais

ESQUERDA UNIDA OBTÉN NA COMARCA DE SANTIAGO OS MELLORES RESULTADOS NUNHAS ELECCIÓNS XERAIS

O CONSELLO COMARCAL DE EU COMPOSTELA AGRADECE AOS MILLEIROS DE PERSOAS QUE CONFIARON NESTA ORGANIZACIÓN O SEU APOIO A ESTE PROXECTO POLÍTICO E SOCIAL.

EU Compostela rexistrou os mellores resultados históricos nunha eleccións xerais, superando o 5% de votos e case 3.000 votos, que acreditan o traballo realizado pola militancia e simpatizantes para consolidar a Esquerda Unida como referente da esquerda alternativa e transformadora e que asentan esta organización como a cuarta forza política da comarca, en franca ascensión.

O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela desexa agradecer o todas as persoas que depositaron unha vez máis a súa confianza, a través do seu voto, na nosa organización certificando o constante crecemento de EU, que refrenda o rexistrado con anterioridade nas eleccións municipais de maio de 2011, onde, só unha lei electoral inxusta, co seu inxustificable solo do 5%, impediu a presenza da nosa organización no Concello de Santiago.

Pero o noso crecemento é xeral. Así, non só en Compostela se certifica que o referente anticapitalista de Esquerda Unida acada cada vez máis apoio, pois en Ames experimentouse un crecemento que chega ao 5,65 % para 861 votos; mentres que noutros concellos limítrofes coma Brión (preto dun 4 %) ou Teo (un 4,15 %) experimentamos tamén unha suba relevante que incentiva aínda máis o traballo da nosa organización a nivel comarcal.

En Galicia o salto do 1,37 % [25.308 votos] a un dinamizador 4,12 % [67.182 votos] significa non só motivación e ánimo para a nosa organización, senón que supón cotas históricas de confianza cidadá no proxecto de esquerda plural que EU desexa levar máis aló das institucións.

Transmitímoslle a todas as persoas que nos apoiaron que seguiremos traballando duro, que loitaremos sen repouso para denunciar toda vulneración de dereitos da clase traballadora. Todas e cada unha das persoas que nos votaron deben saber que os 11 deputados presentes en Madrid son os seus deputados e que levarán adiante canta demanda e reivindicación sexa preciso esixir desde a comarca de Compostela.

Damos a noraboa a todos os compañeiros e compañeiras que nos representarán, que exercerán a tarefa de denunciar as nefandas estratexias neoliberais que, de seguro, tentará poñer en marcha a maquinaria da dereita. Rematamos querendo remarcar que, cunha lei electoral xusta, no que unha persoa un voto sexa unha realidade, serían 25 representantes e non 11 os que loitarían pola mellora dos dereitos cidadáns e contra os seus inxustificables e inxustos recortes.

viernes, 18 de noviembre de 2011

Hai Alternativa

Non é doado. Non. Mais é necesario. Hai alternativas. Só cómpre vontade política. Cómpre unha ideoloxía de esquerdas, transformadora para frear, primeiro, e someter ao regulamento do fin social, aos donos do mercado. Non é fume. É realidade.

O pobo, certo é, está canso de toda a feira deseñada polos grandes medios de comunicación, que, en vez de informar, defenden os intereses dos dous grandes partidos (PP/PSOE).

Pero o pobo xógase moito o 20 N. E por moito que certas voces apelen á abstención, en nome dunha consciencia democrática moi dubidosa –digna de axentes sufragados pola dereita-, reclamamos do pobo unha elevada conciencia do que está en xogo.

Non nos deixemos enganar pola retórica. Nestes últimos anos asistimos a un ataque aos dereitos da clase traballadora, mentres os grandes culpables seguen amasando fortunas, que non son fiscalizadas de forma xusta, e que seguen especulando co ben público.

A oligarquía financeira cobiza os servizos públicos. A sanidade, a educación e o sector social corren o risco de ser totalmente sometidos á lei do lucro. Xa hoxe asistimos a unha degradación deliberada do sector público para forzar ás persoas a que vaian á privada...pagando, claro, por algo que debe ser gratuito, financiado mediante unha imposición directa, progresiva e xusta, que redistribúa a riqueza.

Que está facendo o PP en Galicia, en Madrid ou en todas as comunidades autónomas que goberna? Privatizar o ben público. O ben de todos, para que se lucren uns poucos. E así, dicímolo alto e claro, non se sae da crise.

Que fixo o PSOE neste anos? Rachar unha tras outra as promesas de incrementar o noso benestar, limitar as nosas posibilidades de termos unha vida feliz, cun traballo estable, e cun proxecto de vida por realizar con satisfacción. Deixáronnos só unha densa néboa. Mentres recurtaban salarios e investimentos públicos, metíannos de novo nunha guerra e desbaldían diñeiro en bombas. Do PSOE non nos podemos crer nada: puido facer políticas de esquerdas, pero non quixo. Non teñen credibilidade.

Que podemos facer nós? Seremos coherentes co noso programa, que promove a xustiza social e a creación de emprego desde un modelo produtivo diferente e respectuoso co medio ambiente, elaborado de forma participativa despois de múltiples asembleas abertas celebradas en todo o Estado e en Galicia. Seremos íntegros e transparentes en todo momento: cómpre rematar coa lacra da corrupción política.

Que podedes facer vós? Ben aceptar que non hai remedio e asumir a derrota e a perda de dereitos de todo tipo. Ben dicirlle “basta xa!” aos donos do mercado, aos especuladores e oligarcas financeiros e impoñer unhas normas reguladoras xustas. Podedes actuar de forma rebelde e asumir un programa de participación política coma o que propón Esquerda Unida – Os Verdes e recuperar o mando do goberno. Pois o pobo é quen máis ordena, como dicía o gran cantor.

Podedes votar democracia ou mercados. Elixides vós.

Novembro 2011. Xabier Ron.

miércoles, 16 de noviembre de 2011

Presentación programa mocidade EU

Na mañá de hoxe a área de mocidade de Esquerda Unida desenvolveu unha rolda de prensa para presentar a campaña de xuventude e o programa de cara as presentes eleccións xerais.

O coordinador da área de mocidade, René Gamborino, sinalou que "tralo estoupido da crise e a pesar das últimas reformas laborais as expectativas para a mocidade non melloran, a destrución de emprego xuvenil e o empeoramento das súas condición laborais vai en aumento. Atopámonos con que só un de cada dez mozas e mozos en activo ten un contrato estábel, catro de cada dez ten un contrato precario e cinco de cada dez está desempregado. A coincidencia de PP e PSOE sobre as políticas para facer fronte a esta situación é total, flexibilización do réxime contractual dos traballadores e fomento da temporalidade, cando son estas as grandes lacras do mercado laboral, unido a profundización do desmantelamento dos servizos públicos, e por ende, dos instrumentos de protección social da clase traballadora".

Así Esquerda Unida presentou as principais propostas en materia de mocidade que incorpora o seu programa, unha alternativa que resitúa no público e nas mans dos traballadores as políticas para das saída á crise:

• Elaboración dun plan emprego xuvenil que emprace no sector público o marco de creación de emprego, incorporación de contido sobre dereitos sociolaborais nos curriculums de ensino medio, retirada da últimas reformas laborais e a instauración da xornada de 35 horas.

• Creación dun parque público de vivendas en aluguer para a mocidade cun prezo inferior ao 30% do salario dos arrendatarios e dun remanente de VPO específico para a xente nova.

• Adianto da idade legal para o voto aos 16 anos.

• Elaboración dunha Lei de Participación Xuvenil para a regulación dos Consellos de Xuventude, o fomento do asociacionismo e creación cauces de participación ás mozas non organizadas.

• Elevación do orzamento público en educación ata o 7% do PIB e do 2% en ensino superior. Redución dos ratios de profesor e alumnos.

• Freo ao proceso de elitización e precarización do ensino publico. Rexeitamento do novo 4ª da ESO e das últimas reformas da PAAU, así como paralización dos procesos de mercantilización da Universidade Pública que veñen aparellados ao EEES e a Estratexia Universidade 2015.

• Redución ata os tres meses do prazo máximo para a convalidación de títulos aos estranxeiros. Incorporación de formación intercultural en los programas de ensino primario e secundario potenciando a escola pública como elemento esencial para a igualdade cidadá e a loita contra a discriminación.

Esquerda Unida presentou a campaña que co lema "na rúa e nas urnas, rebélate" fai un chamamento á mocidade que no último ano mobilizouse en contra das políticas de recortes sociais que veñen de aplicar os gobernos central e autonómico para que trasladen esa rebeldía ás urnas e permitan un grupo parlamentario forte da esquerda alternativa.

sábado, 12 de noviembre de 2011

Éxito da manifestación contra o traslado da feira de Amio

Esquerda Unida Compostela, integrante da plataforma de apoio á feira de Amio, participou activamente na manifestación levada a cabo hoxe polas rúas de Santiago.

A alta participación da cidadanía, máis de 1.500 persoas, constata a mobilización existente contra unha decisión errónea que de realizarse sería un gran erro do alcalde Gerando Conde Roa e unha gran perda para a cidade, non so económica, máis de 100.000 euros o ano en taxas, senón histórica pois a feira de gando forma parte da cidade, e da memoria colectiva, dende que se celebraba na Alameda, punto de partida hoxe desta manifestación.

Por todo isto O Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela continuará o seu traballo na plataforma para evitar que, unha vez máis en moi escaso tempo, o equipo de goberno do PP prosega a súa errática traxectoria que prexudica gravemente o benestar da veciñanza de Santiago.

viernes, 11 de noviembre de 2011

Manifestación contra o traslado da feira de gando de Amio

Esquerda Unida Compostela, integrante da plataforma de apoio á feira de Amio, anima a participar na manifestación que se levará a cabo este sábado contra o traslado do mercado de gando.

Data: sábado 12 de novembro.

Hora: 17:30

Lugar: Alameda de Santiago

Agardamos a túa presenza.

jueves, 10 de noviembre de 2011

Mitin Esquerda Unida - Os Verdes en Ribeira

Esquerda Unida - Os Verdes levará a cabo un mitin explicando os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións xerais de 2011.

Data: sábado 12 de novembro.

Hora: 13:00

Lugar: Palco da música (malecón) en Ribeira

Presentará:

Xabier Ron, coordinador de EU Compostela e membro da executiva nacional de Esquerda Unida.

Intervirán:

Manolo González: membro de Esquerda Unida no Barbanza

Suso Díaz: cabeza de lista ó Senado

Mariluz Canal: cabeza de lista ó Congreso

Agardamos a túa presenza

martes, 8 de noviembre de 2011

Mitin Esquerda Unida - Os Verdes no CSC do Ensanche

Esquerda Unida - Os Verdes levará a cabo un mitin explicando os eixos programáticos cos que se presenta a estas eleccións xerais de 2011.

Data: xoves 10 de novembro.

Hora: 20:00

Lugar: CSC do Ensanche na rúa Frei Rosendo Salvado 14-16

Presentará:

Xabier Ron, coordinador de EU Compostela e membro da executiva nacional de Esquerda Unida.

Intervirán:

María Rozas: candidata ó Cogreso representando a Compostela

Suso Díaz: cabeza de lista ó Senado

Mariluz Canal: cabeza de lista ó Congreso

Agardamos a túa presenza

miércoles, 2 de noviembre de 2011

Comunicado inicio de campaña electoral

Na noite que leva do xoves 3 ao venres 4 de novembro de 2011 iniciarase unha das campañas electorais máis decisivas para a cidadanía: seguir a expensas dos ditados dos donos do capital e dos mercados financeiros ou sacudirse ese dominio e comezar a afortalar as políticas sociais ao mesmo tempo que recuperamos a economía real e produtiva.

Con ese desexo traballa Esquerda Unida Compostela, porque, tal como se demostrou nas vindeiras municipais de maio de 2011, cada vez máis persoas confian no programa de Esquerda Unida, un programa alternativo, que non se resigna a vivir na negrura e no medo que é do que vive hoxe a oligarquía financeira.

Co obxectivo de acadarmos ter un grupo forte em Madrid, quen de defender os intereses da clase traballadora galega, nunha lista encabezada por María Luz Canal Paz, a agrupación comarcal de Esquerda Unida Compostela figura representada nas listas electorais ao Congreso por Maria Rozas, Antonio Olives (independente), Celia Fernández e Miguel Angel Touriño (suplente); pola súa banda, Eduardo de Rojas Rebolledo (independente) e Marta Marroquín representarán á nosa agrupación nas listas polo Senado.

Está previsto que a cabeza de lista pola provincia de A Coruña, María Luz Canal, estea no acto central que Esquerda Unida Compostela desenvolverá no Centro Sociocultural do Ensanche entre as 19h e as 21h, acompañada por María Rozas (nº 3 ao Congreso), por Esther López, deputada no País Valenciá e que foi responsable de mocidade en Madrid, e por Xabier Ron, coordinador comarcal de Esquerda Unida Compostela.