viernes, 18 de noviembre de 2011

Hai Alternativa

Non é doado. Non. Mais é necesario. Hai alternativas. Só cómpre vontade política. Cómpre unha ideoloxía de esquerdas, transformadora para frear, primeiro, e someter ao regulamento do fin social, aos donos do mercado. Non é fume. É realidade.

O pobo, certo é, está canso de toda a feira deseñada polos grandes medios de comunicación, que, en vez de informar, defenden os intereses dos dous grandes partidos (PP/PSOE).

Pero o pobo xógase moito o 20 N. E por moito que certas voces apelen á abstención, en nome dunha consciencia democrática moi dubidosa –digna de axentes sufragados pola dereita-, reclamamos do pobo unha elevada conciencia do que está en xogo.

Non nos deixemos enganar pola retórica. Nestes últimos anos asistimos a un ataque aos dereitos da clase traballadora, mentres os grandes culpables seguen amasando fortunas, que non son fiscalizadas de forma xusta, e que seguen especulando co ben público.

A oligarquía financeira cobiza os servizos públicos. A sanidade, a educación e o sector social corren o risco de ser totalmente sometidos á lei do lucro. Xa hoxe asistimos a unha degradación deliberada do sector público para forzar ás persoas a que vaian á privada...pagando, claro, por algo que debe ser gratuito, financiado mediante unha imposición directa, progresiva e xusta, que redistribúa a riqueza.

Que está facendo o PP en Galicia, en Madrid ou en todas as comunidades autónomas que goberna? Privatizar o ben público. O ben de todos, para que se lucren uns poucos. E así, dicímolo alto e claro, non se sae da crise.

Que fixo o PSOE neste anos? Rachar unha tras outra as promesas de incrementar o noso benestar, limitar as nosas posibilidades de termos unha vida feliz, cun traballo estable, e cun proxecto de vida por realizar con satisfacción. Deixáronnos só unha densa néboa. Mentres recurtaban salarios e investimentos públicos, metíannos de novo nunha guerra e desbaldían diñeiro en bombas. Do PSOE non nos podemos crer nada: puido facer políticas de esquerdas, pero non quixo. Non teñen credibilidade.

Que podemos facer nós? Seremos coherentes co noso programa, que promove a xustiza social e a creación de emprego desde un modelo produtivo diferente e respectuoso co medio ambiente, elaborado de forma participativa despois de múltiples asembleas abertas celebradas en todo o Estado e en Galicia. Seremos íntegros e transparentes en todo momento: cómpre rematar coa lacra da corrupción política.

Que podedes facer vós? Ben aceptar que non hai remedio e asumir a derrota e a perda de dereitos de todo tipo. Ben dicirlle “basta xa!” aos donos do mercado, aos especuladores e oligarcas financeiros e impoñer unhas normas reguladoras xustas. Podedes actuar de forma rebelde e asumir un programa de participación política coma o que propón Esquerda Unida – Os Verdes e recuperar o mando do goberno. Pois o pobo é quen máis ordena, como dicía o gran cantor.

Podedes votar democracia ou mercados. Elixides vós.

Novembro 2011. Xabier Ron.

No hay comentarios: